“Os músicos de Vigo están ao nivel de Nova York, pero non damos oportunidades ao talento”

Miguel Pardellas / Miguel Núñez.
Miguel Pardellas / Miguel Núñez.

El é Miguel Pardellas. Asegura que tódolos músicos underground de Vigo se moven polas súas mans, e na súa páxina Cea Vigo busca introducir artistas de toda a cidade e moito máis alá.

É a súa unha plataforma para a contratación de artistas de todo tipo, poñendo salas e particulares en contacto directo con eles. Abriu o 29 de xuño, presentando no Ensanche a súa iniciativa.

A idea naceu por saturación de traballo: “Eu non podía controlar todo o que me pedían como representante, e decidín crear unha ferramenta que o fixera por min. Pedíanme: consígueme tal grupo, búscame un mago…

Cada artista paga 12 euros (máis o IVE) ao ano: “É a miña fonte de negocio. E as salas abónanme un 15% da contratación como gastos de xestión. E hai que sumar aos grupos dos que son representante de forma directa. Conto con que pronto os artistas sexan miles. Pagan 12 euros ao ano, que é de risa para eles”. Tamén ten alugado o local Bonus Track, e pensa compralo.

Na súa web, tamén teñen unha TV online: “Aproveito que da escola de imaxe e son de Vigo sae moita xente con ideas. E no tempo morto dos vídeos musicais, podemos poñer entrevistas, reportaxes… Hoxe en día, a xente móvese on-line. A TV é publicidade, dígoo porque eu mesmo son un publicista sen título que traballou moito tempo. Cominme os temarios como quen sacou a carreira, examinándome para min mesmo.

A relación de Miguel Pardellas coa música comezou ben pronto. A súa madriña compoñía música popular portuguesa, co seu esposo formaban un gran dúo de acordeón. El empezouse a meter en ensaios de Aerolíneas Federales con 14 anos.

“Toco a guitarra e aínda controlo, pero se me metes nunha banda o baixista se enfada comigo, por non ir a ritmo. Non tiña talento para a música, si para a publicidade. Os meus amigos músicos necesitaban que os vendera, e eles pasaron a ser o meu produto”, recorda.Tiña experiencia á hora de negociar. Traballara no Carrefour, e para outras grandes marcas. Ao principio non tiña “carteira” na música, mais a foi construíndo.

Como representante musical, comezou en Vigo e arredores e xa chegou a Latinoamérica. Asegura saber distinguir o bo do malo. Traballou tamén de axente forestal especializado en incendios. En inverno non había choio, e atopou un de venta de aspiradoras como o de “La que se avecina”, e foi á formación.

Eran unha boa timada, carísimas, “máis que unha neveira e unha lavadora xuntas”. O primeiro día só vendeu dúas. Pero co tempo pillou o truco e marchou por todo o mundo de viaxe, cumprindo obxectivos da empresa. Mais cando despediron á súa moza,estando ela embarazada, enfadouse coa empresa e deixouno.

Que se necesita para triunfar na música? Miguel teno claro: “Carisma, imaxe, algo especial e un bo padriño”.  E, por suposto, ese chisco de sorte. Recorda esta anécdota: “A Rober Carcos escóitalo cantar e ao comezo chirría. É como entre Iván Ferreiro e Leiva, pero en plan “chillón”. Pero el defende iso a morte e consegue que as súas cancións cheguen”.

De feito, convenceuno Rubén Pozo de contar con el. Un día tocaba antes que Pozo, “e a xente toleou e pedían outra, outra, en vez de agardar que chegase xa o artista principal da noite. Entón entrei ao camerino e lle dixen: A partir de agora son o teu representante”.

Tamén ten claro que Vigo conta con un nivel artístico brutal, de “talentazos”: “Estamos ao nivel de Nova York, pero Vigo non sabe vender o que ten e aproveitarse do talento, dar oportunidades. Non queremos promocionar o turismo da música en directo. Ao revés, póñense limitacións. En ningún local de Vigo é legal dar concertos. Galo do Vento non pode facer música baixo ameaza de pechar o local. A lei de espectáculos non dá licenzas ás salas para dar concertos”.

Productor musical

De artistas vigueses, dos non patrocinados por el quédase con Soul Jacket ou Maldito Murphy. Dos que patrocina, con Rober Carcos ou Atlantic. Da historia da música, con Beatles, Mozart… e Andy Warhol, “porque me sinto identificado con el, a factoría, a fusión de artes e facer que a arte sexa visible… A fusión crea algo único. En realidade, creo que toda a arte universal é unha soa obra. E Beatles e Mozart romperon os esquemas máis que ninguén. Non fixeron nada novo, que é imposible, pero souberon unificar todo. Mozart mesturou o barroco, o clasicismo, a ópera, o romanticismo…”

A calidade está perdendo a batalla, asegura, polo que se necesitan máis loitadores, “non grupos nin estilos que escoitada unha escoitadas todas. En Arxentina triunfa máis a calidade, porque as radios poñen boa música. Os medios educan á sociedade, e se educan na mediocridade, te conformas… Grupos como Soul Jacket deberían estar vendendo millóns de discos, e están facendo o que poden. E logo Bisbal ou Maluma deixan os estadios a piques de rebentar”.

“Hoxe triunfa máis o que mellor a … que o que mellor toca a guitarra”, resume. Para terminar, había que preguntarlle polo gran fenómeno emerxente, o trap: “En canto ao reggaeton, tamén criticado, escoitei Calle 13 e pareceume un reggaeton de calidade. Aínda estou agardando a que alguén me ensine trap de calidade”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here