InicioCulturaO Castelo de Soutomaior nace de novo convertido en museo

O Castelo de Soutomaior nace de novo convertido en museo

A Deputación reinaugura o "novo" Castelo de Soutomaior reconvertido en museo. Centos de persoas se deron cita na espectacular gala de reapertura do Castelo. María Vinyals e o Doutor Lluria cobraron vida propia para conducir o evento.

PUBLICADO O

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ás deputadas e deputados do goberno provincial, inaugurou esta tarde no transcurso dunha espectacular gala chea de sorpresas, música, teatro e audiovisuais, o esperado proxecto de musealización do Castelo de Soutomaior.

A través desta iniciativa, posta en marcha pola institución provincial, tal e como asegurou a súa presidenta, “queremos que Soutomaior sexa o corazón de todas as historias que temos que contar porque na provincia de Pontevedra “Somos historias” e practicamente todas elas cobran vida propia no Castelo”.

O proxecto de musealización, “á altura dos mellores castelos do mundo”, é unha aposta por recuperar este recinto histórico para a cidadanía da provincia.

“Queremos abrir á xente, ás familias, un espazo que é de todas e de todos e queremos facelo cun Castelo renovado, cheo de contidos que poñen de manifesto a importancia deste enclave tanto para a provincia como para o resto de Galicia e do Estado”, asegurou a presidenta provincial.

Centos de persoas do mundo público, social, económico, cultural, turístico, deportivo e veciñal da provincia se deron cita no evento, no que a través de María Vinyals e o Doutor Lluria, púxose en valor a historia do Castelo xunto ao o variado e singular patrimonio da provincia de Pontevedra.

Castelo de Soutomaior / Deputación de Pontevedra

O acto comezou cunha representación simbólica da sinatura da acta de entrega do Castelo por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, da man de Vinyals e Lluria. Trala sinatura, na porta de acceso ao Castelo, as autoridades e convidados entraron no patio de Armas mentres o dúo musical Cómplices interpretaba pezas musicais en directo.

No patio de Armas proxectouse un vídeo de dous minutos no que se presentaron as actuacións acometidas pola Deputación no recinto, convidando á cidadanía a que o visite e coñeza o proxecto de musealización no que se pon en valor “o legado das Rías Baixas como nunca antes foi contado”.  

Amais, Vinyals e Lluria repasaron a historia do Castelo, dende o medievo, pasando polo século XIX, ata o actual proxecto de musealización. Neste eido, a propia Vinyals destacou que o Ben de Interese Cultural conta desde agora con “dez salas, con vídeomapping, proxeccións en 3D, audiovisuais interactivos, reproducións de documentos históricos, xogos e maquetas que recollen a historia do castelo desde o século XII ata a actualidade”.

Finalmente proxectouse un vídeo de catro minutos que leva como banda sonora “Un lugar en el mundo”, a peza composta por Teo Cardalda que foi tamén o tema central da campaña turística da Deputación de Pontevedra.

Este novo audiovisual, que formará parte das accións promocionais da Deputación a partir de hoxe mesmo, ten como nexo común a melodía de “Cómplices” a través dun piano branco –o mesmo que estivo presente tamén durante a gala en Soutomaior- situado nos diferentes elementos do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra.

A través das imaxes e da música o vídeo recolle desde castelos como os de Soutomaior e Sobroso (Mondariz), a fortalezas como as de Baiona e Goián (Tomiño), torres como as da Lanzada (Sanxenxo) e Tebra (Tomiño), a capela da Peneda de Soutomaior, vistas da Guarda e de praias como as de Nigrán con Cíes ao fondo.

Ao remate da gala serviuse un aperitivo no que o espumoso de Albariño foi protagonista e entregáronse ás persoas convidadas cadernos e postais coa imaxe do Castelo de Soutomaior. Tamén se dispuxo un libro de visitas, que vai quedar no Castelo desde hoxe, para que as persoas que acudan ata o recinto histórico deixen as súas impresións sobre a visita.

Castelo de Soutomaior / Deputación de Pontevedra

Esgotadas as prazas para as visitas guiadas das xornadas de portas abertas

A primeira xornada de portas abertas resultou “un éxito absoluto, rexistrándose preto dun millar de persoas, con ata grupos de homes, mulleres e moitos nenos e nenas procedentes de Portugal e Alemaña”, indicou a presidenta provincial.

Para as vindeiras xornadas de portas abertas, os días 20, 21, 22, 24 e 25 de maio, a Deputación de Pontevedra mantén a visita libre aberta a toda a cidadanía, xa que as prazas para as visitas guiadas están completamente esgotadas.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...