InicioDeportes'Talladas', o porteiro que deixou os campos de terra e pedras de...

‘Talladas’, o porteiro que deixou os campos de terra e pedras de Redondela para triunfar en Brasil co Galicia F.C.

“Leónidas, o meu compañeiro de equipo, foi o mellor xogador do Mundo de todos os tempos, incluso superior a Péle”, lembrou Túnel Cabaleiro á prensa.

PUBLICADO O

José Túnel Cabaleiro naceu na vila de Redondela o 3 de agosto de 1912.
O seu pai tiña unha pequena empresa de transporte de pasaxeiros con carruaxes de cabalos que levaba aos seus veciños de Redondela ata as aldeas veciñas. A familia Túnel tivo seis fillos. A pesar da situación difícil que atravesaba Galiza os pais de José podían manter decorosamente a súa familia numerosa.

Dende pequeno sempre lle gustou o fútbol. Cando podía escapábase da casa para xogar cos seus amigos. Soñaba con ser porteiro, na súa Redondela natal. En 1931 iniciou a súa carreira profesional xogando na segunda división co Redondela. Alí bautízano co nome de “Talladas” alcume que o acompañara de por vida.

“Cando eu era un neno xogaba de porteiro e pedíalle sempre aos adversarios que se xuntase bastantes na portería, porque eu quería estrear. Incluso intentaba que os meus compañeiros non puxeran barreira, para poder ter unha mellor visión. Teño que aclarar que aqueles campos de fútbol do meu pobo, na maioría dos casos eran de terra ou de pedras. Eu, poñía o meu corpo e a miña alma naquelas prácticas, mancándome en todo o meu corpo e as conseguintes talladas. Por isto os meus compañeiros puxéronme “Talladas” alcume que me quedara para toda a vida”.

O seu fillo José Luis cóntanos algúns aspectos da súa historia:

“O meu pai comezou a destacar pola súa gran axilidade. Por ser unha persoa dunhas condicións físicas extraordinarias para o fútbol. Era un porteiro moi áxil de reflexos, inclusive o foi ata os seus últimos anos. Naquel equipo de Redondela destacaba o meu pai, Cabezo un xogador que posteriormente foi profesional do Celta e Chicha.”

Despois dunha estancia de tres anos nese clube, pasou á primeira división. Logo será fichado polo Porriño Fútbol Club. Con este equipo logra un campionato local. As actuacións destacadas de “Talladas” defendendo os tres paus da portería do Porriño, permitiralle meses despois, ser fichado por uns dos equipos máis importantes de Galiza de aqueles anos, o Unión Sporte Club de Vigo.

En 1934 logra con este equipo o campionato galego. A súa fama comeza a trascender as propias fronteiras galegas. Xogando para o Sporting, en representación de Galiza, enfrontase co Oviedo, que naquel ano gañara o campionato Asturiano. O equipo asturiano tiña na súa dianteira a Casuco, Herrerita, Lángara, Felipe e Emilin, un quinteto que por aqueles anos era moi recoñecido pola súa calidade futbolística. Mentres que a Unión Sporting formaba con Talladas; Pazos e Pierla; Manolito, Leonardo e Farruco; Echegaray, Cons, Chicha, Herodes e Morla. A Unión Sporting lograra na tempada 1935-36 xogar na segunda división xunto o Celta de Vigo. O seu modesto campo de fútbol quedaba o lado do Celta nun lugar chamado “La Florida”. Os seguidores daquel equipo eran na súa maioría veciños de Lavadores, que por aqueles anos era un concello independente.

“Cando eu xogaba no Unión Sporting -cóntanos talladas- cobraba dez duros por partido e cinco duros por adestramento, que o facíamos na Florida”.

Por aqueles tempos gobernaba a Segunda República e “Talladas” era un mozo inquedo que quería coñecer mundo.

En 1936 recibe unha oferta do “Galicia Fútbol Club”, do cal era directivo Emilio Cal de visita por Redondela ve como xoga como porteiro ante o Oviedo. O equipo Bahiano ofreceulle un contrato a él e o defensa Pierla.

“Ala fun eu. Á gran aventura. Díxenlle a Pierla que nos íamos. Non quixo. Total, que me embarquen no Antonio Delfino”, neste barco alemán, con gastos pagados, funme a Brasil…

“Retireime de España intres antes da guerra fratricida que a envolveu, non me sentía con gañas de volver, preferia viaxar. Foi no transcurso dun deses viaxes, marzo de 1936, que me deparou un bo contrato para ir o “ Galicia Foot- ball Club” da Bahia, clube que pertence a colonia española….” ( Sintra, Jornal Portugués 1940)

José Túnel, partía do porto de Vigo o 4 de marzo de 1936, ano tan marcado pola historia recente de España. Partiu do porto olivico, unha tarde fría e chuviosa, entre apertas e algunha que outra bágoa, fronte aos seus pais e amigos. Embarcase no vapor alemán “Antonio Delfino” e partía rumbo o éxito. Con él partía o seu paisano de Redondela e excelente defensa, Francisco Pazos González “Macoco”, o cal tamén triunfara no fútbol bahiano.

Nunha carta enviada aos periódicos do “Faro del Vigo” e o “Pueblo Gallego” despedíase da afección galega:

“Lamentando non facelo persoalmente por falta material de tempo, veño por medio da presente a despedirme de vostedes, pois hoxe mesmo saio para Bahía ( Brasil), a onde vou cunha ficha asinada, a formar parte do equipo “Galicia” daquela poboación. O expatriarme, fágoo aproveitando algunha vantaxe que se me ofrece, aínda o meu animo é o de volver o próximo verán…”.

Talladas

Anos máis tarde volveranos a lembrar a súa chegada:

“ Cheguei alí para atoparme cunha gran sorpresa: actividade de noite, con luces, con focos…había que escapar do gran calor que fai. O meu primeiro adestramento foi baixo os focos. Eu non estaba acostumado a aqueles. !Miña nai! !Que desastre!. Entrábanme os goles por todas partes. Non os “pescaba”, non veía un balón. Eu deciame: ¿ Terei fracasado? Estaba decepcionado. Fora de aquí, coa fama de mellor porteiro de Galiza, chegou alí e non vexo unha pelota: ! Que bárbaro ! Pero todo era falta de habito. Viu o famoso Vasco da Gama a xogar contra o meu equipo, o Galicia de Bahia. E dinme: ti non vas a xogar ”Talladas”, que este partido é decisivo e non estas acostumado. Pero eu pregunteille: ¿é de día ou de noite o partido?. De día dixéronme, díxenlle: Póñanme a xogar ou voume a Galiza. De día, díxenlle, comprométome a paralo todo. Puxéronme a xogar: un “tirazo” de Cuco, un internacional arxentino, e fixen unha parada memorábel, de pao a pao. Eu de puños non quería saber nada. Atenazaba e veña. Asustei a toda aquela xente. Berraban: !Talladas: o mellor do mundo! Así aos tres meses, leváronme xa cunha selección do Estado a xogar a Pernanbuco. E dicían os de Pernanbuco: “Xamas pasou un porteiro como o español Talladas”.

Naquela Xira triunfal de Talladas a selección rexional gañou tres partidos e empataron dous.

En Bahía tiña a dous amigos da infancia, Justo e José Abelheiro Blanco, propietarios do establecemento “Casa Redondela”. O chegar encontrara con aquel Salvador que había gozado nos seus soños. Todo ulíalle a distinto e a Dende. A froitas novas, a canela, a calor, a soños irresistibles, a glorias impensables. De pronto comeza a sonar nome de “Talladas”, o Tigre Galego, o home que era capaz de facer a máis grandes fazañas fronte aos tres paus dunha portería.

O “Galicia” fundaronse facía moi pouco tempo, foi o producto da acción decidida dun grupo de paisanos que soñaban con ter un equipo de fútbol que puidera competir os domingos e levar con orgullo as cores da patria e a Cruz de Santiago.

Talladas en Brasil co Galicia F.C.

O equipo de Galicia formaba por aqueles anos con:

Talladas, Macoco e Bisa. Bubu Vannni e Grandim. Dedé, Servillo, Vavá, Ferreira e Moela. Mentres que o seu principal contrincante en Salvador o Bahía contaba con: Maia, Serra e Tarzan. Nouca, Guga e Gia. Ito, Betinho, Romeu, Armandinho e Sandoval.

No transcurso da memorable xira por Pernanbuco, un emisario do Flamengo de Río de Janeiro trasladase a Salvador, co fin de contratalo.

O 14 de febreiro de 1937 “Talladas” ficha polo Flamengo de Río, actuando durante 11 meses e obtendo o titulo de Vice Campionato de fútbol Carioca de 1937.

Antes de partir do clube escrébelle unha carta despedida os seus admirados que dí:

“Ao povo bahiano, non podendo despedirme persoalmente dos meus innúmeros torcedores por intermedio destas columnas veño a agradecerlles o bon acollemento que dispensaran durante a miña permanencia nesta boa terra, da cal levo moitas saudades, agradecendo tamén os inmerecidos aplausos que me tributaran no Campo da Graca.
Aos meus patricios e amigos, sente moito tamén non poder abrasalos na hora da miña partida por falta de tempo pelo que pido desculpas, agradecéndolles ao mesmo tempo a preferencia que sempre me concederan…”.

O periódico “El Globo” lembraba nas súas páxinas como fora descuberto polo fútbol carioca:

“A noticia de que o Flamengo procuraba un gran porteiro para a tempada 37 axitou a todos os círculos deportivos, falábase constantemente do Rei e de Jurandyr, os porteiros que representaban o Brasil no Campionato Sul americano. Un Sportman bahiano, amigo do presidente rubro-negro, afirmou que na Bahia había un porteiro superior ao Rei e o Jurandyr. O informante adiantoulle que era imposible que calquera clube carioca adquirira o grande crack español, por haber costado á colonia española 37 contos e o Galicia non estaría disposto a perdelo.”

Tamén quedaron marabillados co porteiro galego os xogadores do Botafogo que coñeceron os datos de Talladas.
Con toda esta información termina “El Globo” Alí estaba a solución do gran problema”.

“Deciame Macoco: Talladas: estas rico, vas ter mais cartos. Pero a realidade é que o diñeiro mo levaron os intermediarios, que xa había entón e ben finos que andaban os tíos.Funme ao Flamengo. Xoguei o meu primeiro partido co América, tamén de Río. Xa eran partidos xogados de noite, pero xa había collido o “tranquillo” e non me colaban unha pelota. Gañamos tres a un e xoguei tamén contra o América que os periodistas escribiron: Talladas críamos que era bo, pero non tanto”.

O equipo do Flamingo formaba en aqueles momentos con: Talladas, Carlos Alves e Marín, Caldeica. Otto e Medio. Sá, Leonidas, Ladislau, Engel e Jarbas.

Segundo nos conta o propio Talladas nunha entrevista que lle realíza o periodista Manolo Cao “Leónidas – compañeiro de equipo – foi o mellor xogador do Mundo de todos os tempos, incluso superior a Péle”.

En 1938, contratouno o equipo de Santos onde xogou 6 anos. Aquela escuadra formaba con: Talladas, Neves e Vanderlinho; Figueira, Artigas e Abreu; Sacy, Bazzoni, Grandín, Aurelio e Tom Mix.

En 1939, Talladas opérano en Sao Paulo polo doutor Godoy Moreira, debido a un desgarro muscular que o inhabilita por 30 días. Segundo as crónicas de aqueles días o noso porteiro atopábase triste e desanimado.

Na carta o periódico bahiano “A Tarde” sinala:

“Despois dun longo período de afastamento do fútbol, en virtude dunha operación, a que fun sometido aproveito para o ensejo para mandar algunhas noticias desta prospera e grande cidade, que é Santos. o Santos, o meu clube, como debe ser do seu coñecemento, marcha no primeiro posto da táboa, xunto co Corinthians e Palestra. Eu, dentro de breve tempo debo reiniciar o adestramento, tendo fe en deus que volva a ser o porteiro de confianza da miña afección….Teño grandes lembranzas do Galicia. Club o que tiven a honra de pertencer. Tamén aproveito o momento para mandar un aperta aos deportistas bahianos, de quen teño unhas grandes lembranzas. Aproveito a mandar por intermedio do seu xornal un aperta para os amigos Emilio Cal Fernández, Macoco, Pepiantas, Marcelino Cal Tunel e Cavadas.”

O Diario de Santos sinalaba o 21 de xullo de 1939: “Talladas volverá a estrear….Logo que regreso de Sao Pablo, Talladas estivo na nosa redacción co fin de transmitirnos a boa nova, que nos causou tanta satisfacción como no propio Talladas. Estaba radiante o gardaredes galego que andivo facendo movementos e saltos para demostrar que nada sentía. Agardo estar en forma, chegando a ser o grande xogador que tantas veces fun admirado nos nosos campos de fútbol.”

Mentres Talladas trunfaba en Brasil outro español Isidoro Langara chegaba o continente americano para trunfar no San Lorenzo de Almagro da Arxentina.

En decembro de 1939 San Lourenzo, realiza unha xira por Brasil, chegando en barco ao porto de Santos. Naquelas circunstancias o famoso Langara e Talladas compartiran moitos momentos e lembranzas sobre o fútbol español.

Talladas naquela etapa vivía na avenida Vicente de Carvalho 19, na cidade de Santos.

No 1943 o equipo Vasco da Gama intenta mercar o seu traspaso por 17.000 cruceiros. Ese mesmo ano ficha para outro equipo paulista o Jabaquara que formaba con Talladas, Botelho e Issame; Gamba, Mario e Sousa; Ferreira, Moreno, bafa, Leonaldo e Tom Mix.

En 1945 pasa unhas vacacións en Galiza. O regresar tivo ofertas do Español de Barcelona e do Celta. A fichaxe non se poderá concretar porque a Confederación Brasileira de Deportes non lle daba o pase internacional. A súa carreira futbolista a terminara no “España” de Santos. Durante a súa pertenza neste equipo sufrirá a rotura do peroné, ante a entrada de Pardal, que o afastou dos campos de fútbol case corenta días. En 1946 decide retornar definitivamente a súa terra. Cando regresa coñece a Carmen Carreira Queimadiños con quen se casa en 1948. Carmen era viúva de guerra. Rexentaba un estanco en Redondela.
Do matrimonio Túnel Carrera naceron tres fillos: Marcelina, Jose Luis, e Manuel Ignacio. Con Carmen tivo un feliz matrimonio e formou unha fermosa familia.

Talladas se retira

O 10 de abril de 1973 falecía a súa muller Carmen Carreras. E o gran Talladas recibía a súa primeiro derrota emocional. Foron momentos moi duros, pero coa axuda dos seus fillos puido saír adiante.

“Eu gozaba ver un partido de fútbol por televisión co meu pai, sentabámonos os dous e eu deixaba todo por ese momento. El era moi apaixonado polo deporte, pero o mesmo tempo era unha persoa moi critica. A pesar da súa paixón intentaba ver aquel espectáculo deportivo como si fora un periodista, unha persoa critica. A súa paixón foi sempre o fútbol, a él tanto gustáballe ver un gran partido internacional por televisión como ir á Xunqueira en Redondela e presenciar un partido infantil. O meu pai a pesar da súa paixón futbolística non tiña preferencia por ningún equipo en especial. A él gustáballe o fútbol en xeral. O que si lle gustaba eran os xogadores. Lembro que sempre me falaba das condicións dalgúns xogadores que para el tiñan futuro e na maioría dos casos terminaban trunfando. Falábame por exemplo de Iribar, de Arconada, etc.”

Talladas de anciá

Talladas viviu os últimos años da súa vida lembrando o seus tempos de porteiro. Seguramente fora o primeiro xogador español que triunfara no exterior. Os seus veciños o lembran pedaleando na súa vella bicicleta, ata os oitenta anos. Achegándose sempre a ver aos nenos da súa Redondela natal, que corrían tras un balón coa mesma ilusión que o fixera Talladas, o máis grande entre os grandes porteiros do mundo. A Torcida galega de Bahia aínda o lembra con nostalxia. Morreu en Rodondela o 8 de marzo do ano 1993.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...