InicioEconomíaO futuro de Galicia "será dixital ou non será"

O futuro de Galicia “será dixital ou non será”

A UVigo e CES presentarpn un informe no que se reivindica a importancia destas novas tecnoloxías e da capacidade de adaptación para o futuro da Comunidade.

PUBLICADO O

A Universidade de Vigo (UVigo) presentou este xoves un informe encargado polo Consello Económico e Social de Galicia (CES) titulado ‘Galicia 2030: unha dixitalización 4.0 para unha sociedade 5.0’, no que se reivindica a importancia destas novas tecnoloxías e da capacidade de adaptación para o futuro da Comunidade.

“A dixitalización non é o futuro. Xa está aquí e require iniciativa e capacidade de adaptación”. Así de rotundo foi o catedrático da UVigo Xosé H. Vázquez na presentación do documento.

Neste acto, levado a cabo no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, tamén estiveron presentes, entre outros, o reitor, Manuel Reigosa; o presidente do CES, Agustín Hernández, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, quen coincidiron en que o futuro de Galicia “será dixital ou non será”.

“Vivimos inmersos nunha nova revolución tecnolóxica, a dixital, e por máis que nos esforcemos, tal e como sucedeu con calquera outra das revolucións tecnolóxicas anteriores, non é posible predicir con precisión como vai cambiar a vida das persoas a medida que a dixitalización avanza”, engadiu o coordinador do informe.

Vázquez fixo fincapé en que a pesar de que o futuro “está por escribir”, escríbese “desde hoxe” e as decisións que agora se toman terán un impacto nas sociedades 5.0 “centradas nas persoas” e que integrarán o ciberespazo e o espazo físico.

Pola súa banda, o presidente do CES destacou que o importante é conseguir con esta revolución mellores traballos para as persoas e de máis calidade. Na mesma liña falou Jorge Cebreiros, quen explicou que ata agora a dixitalización era algo diferencial das grandes empresas, pero as crises dos últimos anos fixeron que as pequenas compañías tamén comezasen a dixitalizarse “e con moito éxito”.

Reigosa destacou que Galicia conta con fortalezas que fan que a Comunidade sexa capaz de competir e facer as cousas “igual de ben ou mellor” que noutros puntos de Europa grazas a dispor dunha mocidade “ben formada” cun sistema universitario que está a xerar coñecemento.

INFORME

Elaborado a partir da realización de máis de 600 entrevistas, as conclusións do informe fan fincapé en que esta adaptación á Sociedade 5.0 require actuacións en moitos ámbitos, tanto no apartado político, como na educación, no emprego ou nas empresas.

No que se refire a a dixitalización das políticas públicas, Xosé H. Vázquez considerou que os alicerces da transformación dixital deben verse reflectidos en dous tipos de políticas: por unha banda, no estímulo da transformación estrutural da economía cara á súa dixitalización, con políticas de I+D, de apoio ao emprendimiento ou estímulos á modernización tecnolóxica; e por outro na reforma das institucións que configuren as ‘regras de xogo’ do ecosistema empresarial galego.

En canto ao emprego e as prestacións sociais, o informe destaca que os retos relacionados co paro, os salarios e a polarización da riqueza van requirir políticas activas e pasivas de emprego “moito máis intensas e eficaces”.

Así, predí que a introdución da intelixencia artificial e a substitución de certos postos de traballo por máquinas terá un impacto moito maior que os que produciron as outras revolucións tecnolóxicas previas.

A educación tamén terá que adaptarse, cunha reforma dos seus contidos formativos máis flexible para atender á natureza dos estudos e responder tanto as necesidades das empresas como da sociedade.

No capítulo de infraestruturas, o informe subliña que Galicia conta cun nivel “razoable” de implantación tanto de redes fixas como móbiles, mentres que o documento marca como prioridade as cuestións relacionadas coa privacidade dos datos e a ciberseguridade, entre outros aspectos.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...