Aprobado o proxecto da primeira fase de humanización de Avenida de Galicia en Vigo

Contará cun investimento duns 2,5 millóns de euros.

Celebración dunha das edicións de Conxemar, no Instituto Feiral de Vigo, Ifevi / Europa Press - Remitido.

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto da primeira fase da humanización da Avenida de Galicia (PO-323), no barrio vigués de Teis, que contará cun investimento duns 2,5 millóns de euros.

Segundo informou o presidente do goberno galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello, o investimento contempla, ademais da actuación nesta viaria titularidade da Xunta, o pago das 7 leiras necesarias para a execución das obras.

A aprobación definitiva do proxecto leva aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para levar a cabo a intervención.

Nesta primeira fase os traballos levarán a cabo entre o cruzamento da rúa coa Avenida da Mariña Española (que dá acceso aos terreos da antiga ETEA) e o IES de Teis, un tramo de medio quilómetro, con medidas para ‘acougar’ o tráfico e protexer aos peóns. Así, renovaranse e ampliarán as beirarrúas, construirase unha glorieta na intersección coa avenida da Mariña Española, recolocaranse marquesiñas, instalarase unha varanda modular e reporase un muro de peche.

Tamén se habilitará unha zona de aparcadoiro na parcela contigua ao Instituto, ao non ser viable a localización inicialmente prevista, enfronte do Centro de Saúde. Deste xeito, manteranse as actuais prazas de aparcadoiro na Avenida de Galicia, entre os números 104 e 120 e entre os números 67 e 69, que se ían a suprimir.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitará as obras e convocará o levantamento de actas previas das expropiacións no último trimestre do ano, co obxectivo de iniciar as obras (que teñen un prazo de execución de 12 meses) na primavera de 2023. Ademais, segundo informou o goberno galego, está a prepararse o proxecto da segunda fase (o tramo que chega ata o termo municipal de Redondela) e será sometido a información pública este outono.

CESIÓN DA AMPLIACIÓN DO IFEVI

Por outra banda, a Xunta formalizou este xoves a cesión do novo pavillón do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), que se estreará na Feira Conxemar que se celebra a principios de outubro, tras un investimento de 8,3 millóns de euros.

A delegada territorial do goberno autonómico, Marta Fernández-Tapias, visitou as instalacións xunto ao director xeral de Comercio, Antonio Heredia, e o xerente do Ifevi, Arsenio Prieto, e puxo en valor o “compromiso” da Xunta coa cidade para garantir a “consolidación” do recinto feiral como un “referente”.

Fernández-Tapias confirmou que o módulo deportivo que se vai a situar no pavillón, e que contou cun investimento de 312.000 euros, será instalado unha vez que finalice Conxemar. Esa nova dotación contará cunha recta de atletismo de 60 metros e seis cales, e catro zonas diferenciadas para a práctica de salto de lonxitude, triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura.

Con este novo pavillón, o número 5, o Ifevi gaña máis de 5.500 metros cadrados, aos que se suma a reforma duns 1.000 metros cadrados do edificio existente. Esta ampliación súmase á executada pola Xunta en 2018.