InicioEconomíaO comercio do metal sae á rúa para demandar un convenio "digno"

O comercio do metal sae á rúa para demandar un convenio “digno”

Os sindicatos non descartan a convocatoria dunha folga ante a actitude "inmobilista" da patronal.

PUBLICADO O

Persoal do comercio do metal manifestouse na tarde deste martes polas rúas de Vigo en resposta á “parálise” da negociación do convenio provincial e para “responder á proposta de miseria presentada pola patronal”. Ao remate da mobilización, convocada por CIG, CCOO e UGT e na que participaron unhas 200 persoas, os sindicatos informaron que a patronal “rexeitou a mediación solicitada” para tentar desbloquear a situación.

A patronal alega esta negativa, explica a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, “ao considerar que as negociacións non están rotas, polo que hoxe mesmo lle solicitamos por escrito unha reunión para o martes 20 de setembro“. Se nesa xuntanza, engade Fernández, non se producen avances significativos que permitan chegar a un acordo de convenio, os sindicatos convocarán unha asemblea do sector para analizar os seguintes pasos a dar “e valorar en serio a convocatoria de folga”.

O convenio colectivo do sector do comercio metal de Pontevedra (que leva dous anos caducado) abrangue actividades tan diversas como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.

Para tentar ordenar esta amalgama, as organizacións sindicais propuxeron entrar no convenio provincial de comercio vario que se está a negociar, pero a patronal negouse.

PROPOSTA “MISERENTA”

Na súa última oferta, explican dende a CIG, a patronal propuxo un convenio con vixencia dende 2020 a 2023, sen incremento salarial nos dous primeiros anos, mentres que para 2022 ofrecen un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e para 2023 a suba sería do 3% “con revisión salarial topada nun 4%”. Unha proposta “miserenta”, denuncian, que non contempla nin redución de xornada anual nin outras melloras das condicións laborais.

Diante disto, o persoal do sector e as centrais sindicais decidiron iniciar unha campaña de información e de mobilizacións o pasado 8 de xuño en demanda dun convenio digno que se intensificará nas vindeiras se a patronal continúa coa súa actitude “inmobilista”, explica a CIG.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...