InicioEconomíaVigo é a cidade do Estado máis cara para moverse en autobús,...

Vigo é a cidade do Estado máis cara para moverse en autobús, segundo a OCU

O goberno local cuestiona o informe por ter "premisas erróneas".

PUBLICADO O

Vigo é a cidade máis cara de España para moverse en autobús, segundo despréndese dun estudo realizado pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) no que comparou o custo de realizar 50 viaxes urbanas en transporte público en 52 cidades (incluidas Ceuta e Melilla).

Desde o 1 de setembro, Vigo, Oviedo e Huesca son as cidades máis caras para moverse en autobús. O custo de realizar 50 viaxes ao mes no municipio é de 31,15 euros en Vigo, 29,75 euros en Huesca e 29,40 euros en Oviedo coa aplicación da redución do 30% no prezo do abono transporte. Séguenlles Granada, (28,70 euros), Alacante (28 euros) e Madrid (27,30 euros), que ata agora era a máis cara, pero que baixou posicións grazas á ampliación ata o 50% do desconto do 30% ofrecido polo Goberno.

Entre as cidades máis baratas para facer 50 viaxes destacan Albacete (7,50 euros), Cidade Real (10 euros), Logroño (13,23 euros) e Las Palmas de Gran Canaria (14 euros). Nestas cidades a redución das tarifas ampliouse ata o 50%. As seguintes capitais máis económicas son Cuenca, Guadalaxara e Vitoria, cun custo de 15 euros.

OCU celebrou os descontos aplicados e espera que se amplíen máis aló de decembro no caso de que o prezo dos combustibles se manteñan en niveis superiores aos do ano pasado. A organización é firme partidaria de potenciar o transporte público, non só reducindo as tarifas, estendendo a rede de transporte, aumentando a frecuencia de paso e fomentando a intermodalidade coa bicicleta; ademais é vital facilitar o intercambio entre diferentes transportes, ao implantar billetes válidos para os distintos medios.

O estudo de OCU confirma ademais o aforro que supón agora o transporte público fronte ao coche particular. Na actualidade, o custo en combustible de realizar 50 traxectos cun percorrido medio de 12,5 quilómetros cada un é de 115 euros para un automóbil con motor de gasolina, 88 euros con motor de gasóleo e 19 euros con motor eléctrico. Así, fronte a un coche con motor de combustión, moverse en autobús urbano adoita traducirse nun aforro superior aos 60 euros ao mes.

RESPOSTA DO CONCELLO DE VIGO

O goberno local de Vigo cuestionou este informe e matizou que “parte de dúas premisas erróneas”. Así, nun comunicado, o goberno que preside Abel Caballero puntualizou que o estudo da OCU asegura que utiliza a “combinación máis barata” pero, no caso de Vigo “non é certo” porque a viaxe máis barata no bus da cidade custa cero euros (para pensionistas 1 e 2 co cartón PassVigo, que supoñen un terzo dos desprazamentos).

“Para facer correctamente este cálculo, o goberno vigués entende que a OCU debería utilizar a media ponderada dos distintos prezos en relación ás porcentaxes de uso que ten o transporte vigués”, sinalou, e engadiu que esa media é de 0,41 euros, polo que o custo de 50 viaxes sería de 20,5 euros e non de 31,15 euros, como reflicte o informe.

A segunda das premisas erróneas é, segundo o goberno municipal, non ter en conta que os cidadáns de Vigo pagan por viaxe efectiva realizada, mentres que os abonos mensuais noutras cidades non implican, necesariamente, o uso de todas as viaxes.

Por outra banda, o alcalde da cidade volveu esixir en rolda de prensa á Xunta de Galicia que achegue recursos para bonificar o bus urbano na cidade, como xa fan o Concello e, desde este xoves, o Goberno central (o prezo ordinario do billete co cartón PassVigo pasa a custar 0,62 euros, fronte aos 0,89 euros que custaba ata agora, ou aos 1,40 euros do billete sen bonificar), e poder así reducir aínda máis o prezo de cada viaxe.

NEGATIVA A ENTRAR NO TRANSPORTE METROPOLITANO

A Xunta respondeu á demanda do alcalde lembrando a súa negativa a integrar o bus urbano de Vigo no sistema de transporte metropolitano, o que permitiría aos usuarios aforros de “entre o 40 e o 50 %”. Nese sentido, a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández-Tapias, sinalou que, coa súa decisión, o alcalde está a privar a poboación de aforrar máis de 460 euros ao ano e de acceder ás vantaxes que, desde hai anos, teñen as persoas doutras cidades que si se sumaron a este sistema.

“O Concello é o único responsable de que os vigueses non se beneficien de maiores aforros nos seus desprazamentos (…) pola súa permanente confrontación coa Xunta de Galicia”, sentenciou. Segundo lembrou Fernández-Tapias, a Xunta achega anualmente 1,2 millóns de euros para financiar descontos do 80 % en billetes interurbanos da área de Vigo (entre bus e transporte de ría) e con bonificacións adicionais a usuarios recorrentes e familias numerosas. Así mesmo, coa Tarxeta Xente Nova, os menores de 21 anos viaxan gratis por toda Galicia nos buses autonómicos.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...