InicioSociedadeO alcalde de Vigo defende devolver terreos na ETEA como "moi conveniente"

O alcalde de Vigo defende devolver terreos na ETEA como “moi conveniente”

A Xunta celebra que o alcalde se decidise a "acatar" a sentenza do TSXG, que estimou a demanda de Zona Franca e instou a Caballero a ceder os viarios.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este martes que o Concello devolverá a Zona Franca os terreos que lle foron entregados na ETEA (para cumprir a sentenza do TSXG que obriga o consistorio a pagar os 11,5 millóns de euros desas parcelas ou restituílas) e que asinará un convenio co organismo estatal para que este ceda á administración local o uso da parcela con instalacións deportivas. “Estamos a resolver un problema en moi bos termos, moi convenientes”, afirmou.

Nunha rolda de prensa, o rexedor explicou que o Concello vai proceder á desafectación das parcelas PS-1 (viarios) e PS-4 (zona deportiva) para devolvelas a Zona Franca. A zona deportiva, uns 31.000 metros cadrados, poderá seguir sendo utilizada grazas a un convenio entre ambos os organismos; mentres que os viarios pasarán a ser titularidade do Concello, que pretende pagar por eles.

Tal e como avanzou Europa Press, a intención do Concello é pagar un canon anual a Zona Franca de 105.766 euros máis IVE pola cesión do uso da parcela. Así mesmo, propón o pago de case 3 millóns de euros para facerse coa titularidade dos viarios, que se abonarían descontándoos do IBI que paga Zona Franca polas súas instalacións no termo municipal.

Pola súa banda, a Xunta celebrou que o alcalde da cidade se decidiu a “acatar” a sentenza do TSXG, que estimou a demanda de Zona Franca (presentada cando era delegada Teresa Pedrosa ), e instou a Caballero a ceder os viarios (parcela PS-1) para que a Xunta poida acometer a urbanización dos terreos que lle corresponden.

Respecto diso, a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández-Tapias, lamentou que o rexedor “nunca cumpriu os seus commpromisos” con respecto á ETEA e “provocou a paralización” dunha zona de importante interese tanto para a veciñanza como para a Universidade de Vigo e o CSIC.

Nese sentido, sinalou que a Xunta “segue á espera” de que o Concello ceda os espazos dos viarios que percorren a ETEA para “desbloquear” a urbanización e avanzar no desenvolvemento das parcelas. A última vez que se lle solicitou esa cesión foi na reunión da comisión de seguimento do pasado xuño.

Finalmente, lembrou que a administración autonómica asumirá a urbanización e as conexións exteriores cun investimento de case 12 millóns de euros, pero antes necesita que o rexedor ceda eses espazos.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...