InicioSociedadeSindicalistas históricos de Vigo piden ao Concello un "espazo público" para conmemorar...

Sindicalistas históricos de Vigo piden ao Concello un “espazo público” para conmemorar a folga do 72

Lembran que esa folga supuxo un antes e un despois da loita sindical na cidade.

PUBLICADO O

Un grupo de sindicalistas históricos da cidade de Vigo, antigos traballadores de empresas como Citroën (agora Stellantis), O Corte Inglés, Grupo de Empresas Álvarez ou Vulcano (agora Astilleros San Enrique), fixo pública este luns en rolda de prensa a súa petición para o Concello de Vigo dedique un “espazo público” na cidade a lembrar a folga xeral do 72 e aos homes e mulleres que, a pesar da dura represión, loitaron nese contexto por melloras laborais, pola liberdade e a democracia.

Así o trasladaron nunha comparecencia na que lembraron a transcendencia desas semanas de mobilización en setembro de 1972, con protestas duramente respondidas polas forzas policiais e pola administración, e que acabaron co despedimento de medio centenar de traballadores e con represalias a líderes sindicais, algúns dos cales tiveron que “pasar á clandestinidade”.

As protestas deses días, que supuñan a continuación ás mobilizacións iniciadas en Ferrol en marzo dese ano, deben ser lembradas e recoñecidas, a xuízo destes sindicalistas, especialmente este ano, cando se cumpre o 50 aniversario desa “loita”, que paralizou a planta de Citroën, estaleiros, e outras empresas.

Así, consideran que “é necesario e de xustiza” lembrar esa folga “que foi exemplo para outras cidades do país”, e advertiron de que o compromiso do alcalde, Abel Caballero, co que se reuniron a pasada semana, de aprobar unha declaración institucional, “non é suficiente”. Por iso, piden que a cidade dedique “un espazo público” que “sirva de recoñecemento” ao ocorrido no 72 “e como recordo para as futuras xeracións” da súa contribución “á conquista de liberdades e da democracia”.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...