InicioSociedadeArquivada a causa contra o edil vigués López Font polo decreto de...

Arquivada a causa contra o edil vigués López Font polo decreto de bombeiros

O concelleiro apelou ao interese xeral porque, con menos de 20 bombeiros, a "indefensión" sería "absoluta" en caso de sinistro.

PUBLICADO O

O xulgado de instrución 5 de Vigo acordou o sobresemento provisional das actuacións iniciadas tras a denuncia interposta pola CIG contra o concelleiro Carlos López Font e o xefe de servizo de Seguridade, A.V.M., ao non apreciarse delitos de prevaricación no decreto aprobado por Xunta de Goberno en febreiro de 2019 (que autorizaba a suspender os descansos dos bombeiros por falta de persoal, e que foi anulado polos xulgados posteriormente).

Segundo informaron fontes xudiciais, a maxistrada de instrución acordou arquivar estas dilixencias ao non aparecer “debidamente xustificada” a perpetración dos delitos de prevaricación administración ou prevaricación por omisión. Así, basea a súa decisión nas declaracións prestadas polos dous investigados neste procedemento, o concelleiro socialista Carlos López Font, que en 2019 era responsable de Seguridade e Mobilidade, e o xefe da área, A.V.M.

No seu auto recolle que o edil declarou que “non houbo ningunha animadversión nin intento de prexudicar dereitos”, e que actuou para garantir a seguridade da cidadanía. Curiosamente, tanto López Font como o xefe da área recoñeceron, segundo se traslada neste auto de arquivo, que o decreto que permitía suspender descansos e impuña ‘de facto’ as horas extraordinarias tiña como finalidade garantir un mínimo de efectivos no servizo de bombeiros, de 20 funcionarios, e aplicaríase no caso de que fose “estritamente necesario”.

EFECTIVOS MÍNIMOS PARA GARANTIR A SEGURIDADE

Segundo sostiveron no xulgado, a escaseza de persoal víñase sorteando mediante a realización de horas extras nos últimos anos, pero “dun día para outro”, os responsables atopáronse con que máis da metade do persoal se negou a facer esas horas extraordinarias.

Así mesmo, Font recoñeceu que, se o número de efectivos dispoñibles é inferior a 20, en caso de sinistro a “indefensión” da cidadanía sería “absoluta”, xa que os bombeiros non poden ser substituídos por outros traballadores. Por iso, apelou ao interese xeral e a necesidade de garantir a seguridade de persoas e bens.

Na mesma liña, o xefe de área admitiu ante a xuíza que sen os reforzos non se podía garantir o mínimo de efectivos e, se non se “forzaban” as horas extras, “non se podería dar servizo á cidade”.

En todo caso, o decreto que deu orixe a esta causa foi anulado por un xulgado do contencioso administrativo de Vigo nunha sentenza que foi posteriormente ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza, en dúas ocasións (xa que o decreto foi denunciado dúas veces, polos sindicatos CIG e CUT).

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Vallejo Torres toma posesión como novo fiscal xefe de Vigo, co compromiso da protección “aos máis vulnerables”

Óscar Vladimir Vallejo Torres tomou este venres posesión do seu cargo como novo fiscal...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...