Xunta volve licitar a urbanización da primeira fase da ampliación de Navia

Faino por un importe de 14,3 millóns de euros.

Proxecto de urbanización do polígono 1 da ampliación do barrio de Navia en Vigo / Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia licitou este venres as obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación do barrio residencial de San Paio de Navia de Vigo por un importe de 14,3 millóns de euros, polo que a partir de agora as empresas teñen ata o 5 de setembro para presentar as súas ofertas.

Tal como informou o Goberno galego nun comunicado, esta obra xa fora licitada o pasado mes de marzo, pero o Instituto Galego da Vivenda e Solo decidiu revisar os prezos e realizar unha nova licitación “ante a demora do Concello en aprobar definitivamente o proxecto de urbanización (impresdindible para a adxudicación da obra) e dado ao incremento dos custos de construción que se produciron nos últimos meses”.

A ampliación do barrio de Navia divídese en tres fases e permitirá a construción dunhas 1.600 vivendas. A obra que se licita este venres permitirá urbanizar o polígono 1 da ampliación do barrio, que implica case 100.000 metros cadrados e representará máis dun terzo da superficie de todo o ámbito.

Nesta fase están proxectadas 733 vivendas protexidas do total das 1.600 previstas para toda a ampliación, cuxas obras se poderán ir compasando ás actuacións de urbanización.