O Supremo avala a sanción a unha xuíza de Vigo por desentenderse de revisar o ingreso dunha muller nun psiquiátrico

Considera que deu prioridade ao horario do seu xulgado nun día festivo fronte a un dereito como a liberdade persoal.

Edificio dos xulgados de Vigo. MIGUEL RIOPA/COLEXIO DE PROCURADORES DE VIGO

O Tribunal Supremo (TS) avalou suspender un mes de emprego e soldo a unha xuíza instrutora exercente en Vigo pola falta moi grave de desatención no desempeño das súas funcións xudiciais, dado que coa súa “inacción” priorizou a organización horaria do seu xulgado nun día festivo por enriba do dereito á liberdade dunha persoa ingresada non voluntariamente nun centro psiquiátrico.

A xuíza, titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Vigo, foi sancionada en xaneiro de 2021 polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), despois de que a muller non conseguise unha orde xudicial para poder abandonar o centro ata seis días máis tarde.

Segundo unha sentenza recollida por Europa Press, a xuíza estaba en funcións de garda o venres 17 de maio de 2019, festivo en Galicia polo Día das Letras Galegas. Ao redor das dúas da madrugada recibiu un correo electrónico do Hospital Álvaro Cunqueiro que comunicaba o ingreso involuntario dunha muller nun psiquiátrico o día anterior. A letrada da Administración de Xustiza notificoulle pola mañá a mensaxe á maxistrada.

A xuíza ordenou á letrada que leva a comunicación á oficina do Decanato para que procedesen á súa repartición canto antes, o que se fixo ás nove da mañá do luns, tres días despois. A notificación do ingreso da muller no centro foi a parar ao Xulgado de Primeira Instancia Número 12 de Vigo, que ratificou o internamento o mércores 22, o mesmo día no que o Xulgado de Instrución Número 4 aceptou a petición de ‘habeas corpus’ da defensa da ingresada e acordou a súa liberdade.

Entre o xoves 16, cando a muller foi ingresada, e a madrugada do luns 20, cando terminaba o prazo de 72 horas para que fose ratificado o internamento, este aínda non se produciu. A xuíza recorreu ao Supremo alegando que non lle correspondía a ela dar a autorización para o ingreso, senón ao xulgado que lle tocase por repartición, e que o fixo antes de que vencese o prazo. E solicitou que se anulase a sanción ou, de forma subsidiaria, fora castigada, pero a unha multa de 501 euros ou como infracción leve.

PRIMEIRO A LIBERDADE PERSOAL

A isto responden os maxistrados da Sala do Contencioso-Administrativo que “o seu razoamento é rexeitable por dous motivos estreitamente unidos, o indebido alongamento do prazo entre o internamento involuntario e a revisión xudicial e a prevalencia dada á organización horaria do órgano xudicial sobre un dereito fundamental tan transcendental como o é a liberdade persoal”.

“Estando privada unha persoa da súa liberdade en contra da súa vontade e sen previa intervención xudicial, o prazo ata a revisión xudicial en ningún suposto podería ser un prazo de libre administración polo órgano xudicial ou estar condicionado polo horario administrativo do órgano xudicial, como parece entender a maxistrada”, sinalan na sentenza, do pasado 10 de maio.

Para os maxistrados, o argumento da xuíza sancionada cun mes de suspensión de emprego e soldo “supón dar prioridade á organización horaria e laboral do órgano xudicial sobre o dereito á liberdade” da muller internada de maneira non voluntaria.

O Alto Tribunal rexeita así na súa sentenza o recurso da xuíza de Vigo, ao considerar que, aínda que o correo electrónico chegou desde o Hospital en plena madrugada dun día festivo en Galicia, iso “non obsta a que a interpretación obrigada en garantía do dereito fundamental sexa considerar que o prazo corre desde o mesmo momento en que se produce a comunicación do internamento”. É dicir, a prioridade debeu ser resolver “axiña que” como fose “posible” a revisión xudicial dunha “medida grave como a restrición da liberdade persoal”, razoan os maxistrados.

Do mesmo xeito, o Supremo sitúase en contra de rebaixar a sanción a leve, dado que a conduta da xuíza tivo unha “indiscutible gravidade na súa completa inacción ante a obrigada revisión xudicial dunha situación de privación de liberdade”.