Eurodeputados visitan o Álvaro Cunqueiro

A Xunta define o hospital como "exemplo de bo uso de fondos comunitarios".

O eurodeputado Nicolás González Casares, o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, e a directora de Atención Hospitalaria do Chuvi, Rosa Martínez Rolán, nunha visita ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.. PARLAMENTO UE

Unha delegación de representantes de varias institucións europeas, entre eles eurodeputados ou representantes da Comisión e do Banco Europeo de Investimentos, visitaron este venres, no marco dunha xornada titulada ‘Europa inviste na miña rexión’, o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que a Xunta definiu como “exemplo de bo uso de fondos comunitarios”.

Na súa visita, a delegación estivo ‘guiada’ polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e puideron coñecer, segundo a administración autonómica, “un dos hospitais máis avanzados o da contorna, que reúne as mellores condicións de comodidade para os pacientes e as súas familias”, e cun “elevado nivel profesional”.

Sanidade puxo en valor a actividade desenvolvida neste centro desde a súa posta en marcha, no ano 2015, especialmente durante a pandemia de Covid cando foi referente na adopción de medidas diagnósticas e de análises, como o servizo ‘Covid-Auto’ ou o sistema de procesado agrupado de mostras PCR (‘pooling’)

Aos longo dos anos, o Álvaro Cunqueiro incorporou novos equipamentos como o da sala de electrofisioloxía (por valor de 444.000 euros); o quirófano híbrido (1,2 millóns de euros); un TAC intraoperatorio (573.000 euros), un microscopio electrónico (484.000 euros), equipamento para torres de endoscopia (462.000 euros); ou un robot cirúrxico Da Vinci (3,2 millóns de euros).

Todos estes equipos foron adquiridos pola Xunta con apoio dos fondos europeos FEDER e REACT e, segundo explicou García Comesaña aos representantes europeos na visita, a Xunta prevé seguir destinando fondos procedentes da UE á incorporación de novas melloras no hospital. Respecto diso, o goberno galego está a tramitar a creación de cinco novas unidades no Álvaro Cunqueiro (vinculadas coa hospitalización a domicilio, atención á saúde mental, cardioloxía e enfermidades raras) que supoñerán un investimento de 2,6 millóns de euros.

Así mesmo, están en marcha reformas noutras unidades e prevese un investimento de 3,1 millóns de euros para novo equipamento. En total, o gasto elevarase a uns 6 millóns de euros, susceptibles de ser financiados no marco do eixo REACT-UE do programa FEDER Galicia 2014-2020.

O hospital conta tamén con fondos europeos Next Generation consignados nos orzamentos da Xunta, que permitirán renovar e ampliar equipamento de alta tecnoloxía por valor de 5 millóns de euros. En concreto, mellorarase un TAC para incorporarlle tecnoloxía espectral (1,2 millóns de euros); renovaranse outros dous TAC (978.000 euros); un equipo de radioloxías vascular (877.000 euros); e unha resonancia magnética (1,5 millóns de euros).