Detido un veciño de Vigo por agredir a súa parella en plena rúa

O presunto agresor negou en todo momento os feitos, pero outro home achegouse aos axentes para corroborar que fora testemuña do ocorrido.

Imaxe de recurso dun coche da Policía Nacional / POLICÍA NACIONAL

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, C.B.L., de 47 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras propinar unha puñada na cara á súa parella.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste venres, na rúa Colombia, onde acudiu unha dotación do 092 alertada por un posible episodio de violencia machista.

Ao chegar, os axentes entrevistáronse cunha testemuña, que relatou como vira unha discusión entre unha parella, e como o home golpeara na cara á muller. Cando localizaron a ambos, os policías entrevistáronse coa vítima, que confirmou a agresión.

Segundo o seu relato, o home propináralle unha forte puñada na cara e queixábase dunha intensa dor no pómulo e oído dereito, así como na mandíbula. Así mesmo, explicou que o sospeitoso lle rompeu o teléfono móbil.

O presunto agresor negou en todo momento os feitos, pero outro home achegouse aos axentes para corroborar que fora testemuña do ocorrido e que vira sen dúbida como o home golpeara á muller. Por estes feitos, o sospeitoso foi detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero.