Detido en Vigo o presunto autor do roubo dun violín valorado en 7.000 euros

Violín valorado nuns 7.000 euros e que recuperado pola Policía Nacional, tras a denuncia de roubo interposta en Vigo pola súa propietaria.. POLICÍA NACIONAL

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron a un home como presunto autor do roubo dun violín, valorado en 7.000 euros, e cuxa propietaria o deixou no interior do seu vehículo.

Segundo informaron fontes policiais, o roubo produciuse a principios do mes de xuño, cando a prexudicada interpuxo denuncia na Comisaría, explicando que lle subtraeron o instrumento, da marca François Breton, así como outros efectos persoais, que deixara no interior do seu vehículo, estacionado nas inmediacións do parque do Castro, en Vigo.

Unha vez iniciada a investigación, a Policía recibiu información acerca dunha persoa que tentara vender un violín de características similares nun establecemento de artigos de segunda man.

Así, os axentes desprazáronse ao local e comprobaron que se trataba do instrumento cuxo roubo fora denunciado e procederon á súa incautación. A denunciante identificouno como seu, sen ningún xénero de dúbidas.

A Policía logrou identificar e localizar o presunto autor do roubo, que foi detido e ao que se lle imputa un delito de furto no interior de vehículo, mentres que o violín foi devolto á súa propietaria.