InicioPolíticaO goberno de Vigo denuncia a "xestión desleal" do Ifevi tralo convenio...

O goberno de Vigo denuncia a “xestión desleal” do Ifevi tralo convenio coa Xunta

A Xunta garante o uso feiral "preferente" no pavillón 5, onde estará o módulo de atletismo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O goberno municipal de Vigo denunciou este martes a “xestión desleal” do Instituto Feiral da cidade tras a aprobación dun convenio de usos das instalacións que supón “un cheque en branco” para a Xunta. Así o trasladou o portavoz do goberno local, Carlos López Font, nunhas declaracións remitidas aos medios, nas que sinalou que, na reunión do padroado do Ifevi celebrada este luns, “a Xunta deu un paso máis no seu uso político” do recinto feiral.

Segundo sinalou, cos votos do goberno galego e doutros membros do padroado, como o presidente da Cámara de Comercio, aprobouse un convenio para regular os usos dos pavillóns 4 e 5 do recinto, un acordo que “vai claramente en contra do Ifevi e da súa xestión comercial”, e que é “un auténtico cheque en branco” para o goberno galego.

López Font criticou que o convenio aprobado “non concreta os usos nin compensación económica” polo uso deses pavillóns por parte da Xunta, e que ese convenio é “incompatible” cunha adecuada xestión do recinto feiral.

Respecto diso, lembrou que a ampliación do Ifevi foi posible grazas á cesión do chan por parte do Concello, e lamentou que o convenio aprobado supón unha “xestión desleal” do instituto feiral, por iso o goberno local “non entende” o voto favorable da Cámara de Comercio.

“Queremos un Ifevi forte, dinamizador da economía, no que predominen eventos como Conxemar, Navalia ou a Feira Vegana, que se xestione desde Vigo, non de desde Santiago, desde o consenso e sen imposicións políticas”, proclamou.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a Xunta sinalou que o acordo aprobado regulará o réxime de uso dos pavillóns 4 e 5 do Ifevi de maneira conxunta por 4 anos a partir de setembro, cando termine a vixencia do actual convenio (que regula o uso só do pavillón 4).

O goberno autonómico lembrou que, no pavillón 5, está a instalarse un módulo deportivo para a celebración de eventos ligados ao atletismo e, para iso, unha vez cedido o uso dese pavillón ao Ifevi, a Fundación do recinto feiral e a Secetaría Xeral para o Deporte subscribirán un acordo para establecer o réxime de coordinación da xestión, “na que quedará garantida a realización preferente de actividades feirais”.

ÚLTIMAS

Axentes e funcionarios denuncian as condicións “extremas” de calor na Comisaría de Vigo

Medio centenar de axentes e funcionarios da Comisaría de Vigo-Redondela, convocados polos sindicatos policiais...

Detido en Vigo por unha agresión á súa parella

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 47 anos de...

Confirmados 4 anos de cárcere para un home que extorsionou a unha muller

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección quinta...

OPINIÓN.- Riscos ambientais e patrimonio local na Barroca de Navia

As ondas de calor soportadas no mes de xuño mostran con claridade a anomalía...