A Policía Nacional activa o dispositivo estival de prevención e vixilancia nas Cíes

Hai presenza policial no porto de Vigo, nos traxectos e nas zonas de máis afluencia turística das illas.

Axentes de Policía Nacional no peirao das Illas Cíes / Policía Nacional.

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela empezaron a patrullar as Illas Cíes, no marco do dispositivo estival de prevención e vixilancia que cada ano se activa neste espazo natural.

Segundo confirmaron fontes policiais, o dispositivo está en marcha desde o pasado 15 de xuño, e permitirá desenvolver un labor de prevención e control tanto en embarques de pasaxeiros que viaxan ao arquipélago como nas propias illas.

Así, haberá presenza policial no porto de Vigo, nos traxectos e nas zonas de máis afluencia turística de Cíes, como as praias, o cámping ou os locais de hostalaría. Os axentes velarán pola seguridade dos visitantes e para previr a comisión de delitos contra as persoas, o patrimonio ou o medio ambiente.

Do mesmo xeito, informarán as persoas das medidas de seguridade que deben ter en conta e facilitarán trípticos informativos con recomendacións en varios idiomas.