O vicerreitor do campus de Pontevedra en funcións, Jorge Soto, e o comandante director da Escola Naval Militar (ENM) de Marín, o capitán de navío Pedro Cardona, presentaron este luns o “acto de firma simbólica” da renovación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que foi creada en 1997 ao amparo dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Defensa, como un órgano de relación institucional para temas culturais, técnicos e humanísticos.
A Cátedra estaba inicialmente ligada á antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), pero desde o ano 2003 ten sede na Escola Naval Militar de Marín. Este luns a Universidade de Vigo e o Ministerio reafirmaron a súa vontade de “manter e potenciar o desenvolvemento” da cátedra, a través da firma dun novo convenio para “fomentar as súas relacións de colaboración e a promoción conxunta de temas culturais, técnicos e humanísticos”.
“Nun país no que moitas veces as iniciativas perden impulso rapidamente, estamos a celebrar un cuarto de século de actividade constante e de calidade“, destacou o vicerreitor. O acto contou coa participación de Antonio Álvarez-Ossorio, fillo do almirante que dá nome á cátedra que alberga “conferencias, traballos de investigación e actividades culturais”.
ACHEGAR A ARMADA
Jorge Soto valorou a importancia de que a cátedra vaia máis aló da organización de conferencias para “entroncar directamente con dúas pezas importantes para a ENM como son a sociedade de Marín e a Universidade de Vigo”. Pola súa banda, Cardona subliñou que o obxectivo da cátedra é contribuír ao achegamento da Armada “á sociedade civil” e puxo de relevo a “calidade excepcional” dos conferenciantes que pasaron por ela ao longo destes 25 anos.