Os traballadores de Metalships manteñen a loita contra a “represión sindical”

Denuncian o o despedimento de dous operarios, un deles o presidente do comité, e o bloqueo na negociación do seu convenio.

Protesta de traballadores do estaleiro vigués Metalships / CC.OO. VIGO.

Os traballadores do estaleiro Metalships de Vigo volveron saír á rúa este venres para denunciar o bloqueo na negociación do seu convenio e a “represión sindical” por parte da empresa, tras o despedimento de dous operarios, un deles o presidente do comité.

A marcha de protesta saíu ás 10,30 horas das instalacións do estaleiro e fixo unha ‘primeira parada’ na sede da patronal do metal, Asime, onde unha representación dos traballadores se reuniu co secretario xeral da asociación, Enrique Mallón.

Segundo informou o sindicato CC.OO., “trasladóuselle a problemática dos despedimentos no sector naval, entre eles os despedimentos de delegados das empresas Barreras, Vulcano e agora MetalShips, a maiores dos que se están dando na industria auxiliar“.

O sindicato apuntou que Asime comparte a súa demanda de que estes problemas poidan ser tratados “convocando a Mesa do Naval con todas as partes implicadas: sindicatos, Xunta, estaleiros, industria auxiliar e Inspección de Traballo”.

Tras este encontro, os traballadores dirixíronse á sede do Círculo de Empresarios de Galicia, entidade que preside nestes momentos Manuel Rodríguez, dono de Metalships. Alí, tras corear consignas, os traballadores colocaron unha pancarta co lema ‘Empresarios especuladores. Ruína e fame dos traballadores. Metaships solución’.

SOLICITUDE DE REUNIÓNS

Por outra banda, o sindicato CIG advertiu de que non quedará “impasible” ante o proceso de “descomposición” do naval vigués e anunciou que solicitará reunións coa subdelegada do Goberno en Pontevedra, co conselleiro de Economía, Industria e Innovación, e coa conselleira de Emprego para esixirlles a súa “implicación” no estaleiro Barreras.

A central nacionalista denunciou que a Xunta demostrou o seu “desinterese” e non buscou unha alternativa industrial, permitindo que se vaia a reactivar “prescindindo do seu persoal”. Así mesmo, criticou a “desidia” de CC.OO. e UGT.

A CIG expuxo un paquete de medidas para recuperar esta industria, que trasladará ás administracións nos encontros que se celebren: subrogación de todo o persoal de Barreras, cualificación para os traballadores que teñan que buscar unha alternativa, ou creación dun fondo de compensación para garantir as prestacións económicas. Así mesmo, esixiu a readmisión do delegado sindical despedido.