Desestimado o recurso do PP sobre o mantemento de iluminación pública en Vigo

Os 'populares' pediran que se anulase a tramitación dese concurso e que se convocase un novo, e denunciaran que o goberno local "esperou" a que a Audiencia confirmase que este xerente podería traballar para o Concello antes de convocar o concurso.

Alfonso Marnotes.. PP DE VIGO

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL) desestimou o recurso presentado polo portavoz municipal do PP no Concello de Vigo, Alfonso Marnotes, contra a licitación do contrato de mantemento da iluminación pública e os túneles da cidade olívica, que ten un valor estimado de 12,3 millóns de euros.

Marnotes presentara recurso ao considerar fraudulenta a subrogación do xerente dunha empresa, Ramón C.A., que cobra un salario duns 90.000 euros anuais e que, ademais, é un dos dous condenados polo ‘enchufe’ dunha cuñada de Carmela Silva nunha contrata municipal.

Os ‘populares’ pediran que se anulase a tramitación dese concurso e que se convocase un novo, e denunciaran que o goberno local “esperou” a que a Audiencia confirmase que este xerente podería traballar para o Concello antes de convocar o concurso.

O TACGAL paralizou a licitación preventivamente, pero acabou por desestimar o recurso, nunha resolución na que lembra que o deber do órgano de contratación limítase a “trasladar aos licitadores a información sobre os contratos dos traballadores que sexa necesaria para a correcta estimación dos custos salariais”, sen que o recolleito nos pregos modifique un dereito do traballador e o correspondente deber da empresa adxudicataria.

Tamén lembra que a subrogación está recollida na normativa laboral e no convenio colectivo de aplicación, aínda que concede que é “incuestionable” que o órgano de contratación ten o deber de “vixilancia e control” sobre a execución do contrato.

En todo caso, e sobre a subrogación dese xerente, o Tribunal sinala que non está demostrado que esa persoa “non estea a desenvolver as súas funcións no ámbito deste contrato”. Ademais, o mesmo traballador foi subrogado no mesmo posto de encargado con motivo da anterior licitación deste contrato, iniciada en 2015.

A maiores, tamén fai referencia á providencia emitida pola Audiencia de Pontevedra, tras a solicitude de información por parte do goberno local, na que sinala que a pena de inhabilitación que lle impuxo a esa persoa (polo ‘caso enchufe’) non lle impediría traballar nunha UTE adxudicataria dese contrato.

“En consecuencia, non atopamos infracción do artigo 130 da LCSP, nin tampouco respecto do recolleito e os artigos 100 e seguintes en canto aos parámetros económicos da licitación, respecto dos cales o recorrente non refire máis aspectos controvertidos que os xa analizados nesta resolución. Todo o cal determina a desestimación do recurso presentado”, conclúe a resolución.