Abel Caballero, contra a Xunta: “Di que se Vigo queda sen auga, que se fastidie”

O alcalde de Vigo asegura que o Concello xunto ao Goberno de España vai resolver "o problema do abastecemento para os próximos 70 ou 80 anos".

Abel Caballero / Concello de Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu arremeter contra a Xunta de Galicia por cuestionar o estudo técnico que propón varias actuacións para garantir o abastecemento de auga no futuro á cidade olívica e varios municipios da súa contorna, e acusou ao goberno galego de negarse a tomar medidas ante posibles períodos de seca. “Acábannos de dicir que, se Vigo queda sen auga, que se fastidie, é o que están a dicir“, denunciou o rexedor.

Nunha rolda de prensa, Caballero lamentou “un novo ataque” da Xunta á cidade e lembrou que as actuacións propostas no estudo técnico (que inclúen un transvasamento desde a confluencia dos ríos Verdugos e Oitavén, algo que o goberno galego ve ineficaz polo escaso caudal en épocas de seca) contan co aval do Ministerio de Transición Ecolóxica. “Seguimos tendo á Xunta de Galicia absolutamente en contra da resolución do problema da seca”, lamentou.

O alcalde apuntou que o goberno galego se opón a ese transvasamento, a pesar de que non só serviría para garantir o abastecemento de auga a Vigo, senón tamén a outros concellos como Cangas, Moaña, Redondela ou Mos. Ademais, tendo en conta tamén a industria, trataríase de fornecer auga “a uns 600.000 habitantes equivalentes”.

Por outra banda, sinalou que a Xunta “alerta sobre a seca” aos municipios, pero logo “contradise” porque afirma que o abastecemento de Vigo “a día de hoxe” está garantido. “Claro, porque os encoros están ao cento por cento. Pero, e se non chove en setembro, outubro ou novembro, como pasou en 2017? A cuestión non é o que pasa hoxe, senón o que pode pasar dentro de 4 meses”, advertiu o alcalde.

Caballero advertiu de que non permitirá que se paralicen a industria ou a hostalaría por falta de auga, e asegurou que, aínda a pesar da Xunta, o Concello xunto ao Goberno de España vai resolver “o problema do abastecemento para os próximos 70 ou 80 anos”, mentres que o goberno galego “está desexanado que a seca leve Vigo por diante”.