O exboxeador Roberto Domínguez entrégase á Xustiza tras unha semana en paradoiro descoñecido

Faino unha semana despois de que unha xuíza ordenase a súa busca e ingreso en prisión, tras romper de novo a pulseira de control telemático que se lle colocou para impedir que vulnerase unha orde de afastamento da súa exparella.

O exboxeador Roberto Domínguez, unha das veces que foi detido.

O exboxeador vigués Roberto Domínguez foi detido este martes en Vigo, despois de que el mesmo se ebtregase á Policía Local, xusto unha semana despois de que o xulgado do Penal 3 de Vigo emitise unha orde de busca e ingreso en prisión.

Roberto Domínguez ingresou en prisión a mediados de maio por orde do xulgado de Violencia sobre a Muller, tras a súa quinta detención en dúas semanas, e despois de romper de novo a pulseira de control telemático que se lle colocou para impedir que vulnerase unha orde de afastamento da súa exparella.

Con todo, foi excarcerado o día 24 de maio. Só un día despois, o xulgado do Penal 3 ordenaba de novo o seu ingreso no cárcere, tamén por quitarse a pulseira telemática. Así, a xuíza decretaba o agravamento das medidas cautelares e ordenaba a súa procura, detención e traslado a prisión.

Tras unha semana en paradoiro descoñecido, o propio Roberto Domínguez púxose en contacto coa Policía Local de Vigo para desvelar o seu paradoiro e foi detido. Domínguez ten pendente un xuízo rápido previsto para o próximo 14 de xuño en Penal 3 por un delito de violencia no ámbito familiar (ameazas á súa exparella).

Así mesmo, o xulgado do Penal 1 da cidade tamén emitiu hai uns días unha orde de ingreso en prisión por quebrantamento de condena, xa que o exboxeador foi condenado por lesións e non pagou a multa que se lle impuxo. Desde a primavera de 2018 ata agora, Roberto Domínguez acumula polo menos catro sentenzas firmes por delitos de lesións.