Folga do persoal de Metalship contra o despedimento do presidente do comité

CC.OO. critica que a compañía se escusa nunhas supostas pintadas que se lle quere imputar de maneira "espuria" ao traballador.

Concentración de traballadores ás portas do estaleiro Metalships en Vigo.

Traballadores do estaleiro vigués Metalships & Docks convocaron unha xornada de folga para este xoves tras o despedimento de dous traballadores, entre eles o presidente do comité de empresa, que está formado por catro representantes de Comisións Obreiras e un de UGT.

Tal como indicou CC.OO., o persoal de Metalship leva tres semanas en folga de flexibilidade/horas extra polo “bloqueo” na negociación do convenio, finalizado en 2019.

“Como represión pola medida, a nova xerencia despediu dous traballadores, entre eles o presidente do comité de empresa“, lamentou o sindicato, que criticou que a compañía se escusa nunhas supostas pintadas que se lle quere imputar de maneira “espuria” ao presidente, “alegando danos de imaxe á dirección da empresa e danos para tomar esta medida”.

Para a organización sindical, esta actuación supón “un novo ataque” cara aos representantes de CC.OO. no naval e terán unha resposta “contundente” xa que “non se pode permitir a persecución e represión daqueles que defenden as melloras nos convenios e das condicións laborais no sector”.