Localizan en Vigo un cortacéspede de 4.500€ roubado a máis de 100km

O propietario asegurou que llo comprara a un home por 50€.

Policía Local de Vigo

Axentes da Unidade Medio Ambiental (UMIR) da Policía Local de Vigo conseguiron localizar e recuperar unha máquina cortacéspede que fora roubada en Irixoa, grazas a un dispositivo de xeolocalización instalado no propio aparello. Tras ter coñecemento do roubo, a Policía logrou situar a máquina no recinto dunha gasolineira na Avenida de Ricardo Mella, polo que unha dotación dirixiuse alí e bloqueou a saída da estación de servizo.

Tras facer un rexistro dos vehículos que se atopaban na gasolineira, os axentes localizaron o cortacésped no maleteiro dunha furgoneta, e puideron comprobar a través do modelo e número de serie, que se trataba da máquina roubada. O condutor da furgoneta, un veciño de Vigo, M.B.G, de 62 anos de idade, manifestou aos funcionarios que estivera no municipio da Laracha e que un individuo ao que non coñecía lle ofrecera a máquina por 50 euros, e que lla comprou.

O home explicou que non podía achegar datos do vendedor, ao que non vira nunca antes, aínda que recoñeceu que tivo dúbidas sobre a procedencia do cortacéspede, xa que lle pareceu moi barato. Con todo, finalmente acabou comprándoo. O home foi identificado e as dilixencias trasladadas ao xulgado, por un posible delito de receptación.