InicioSociedade36 anos de cárcere para o hostaleiro de Vigo que abusou sexualmente...

36 anos de cárcere para o hostaleiro de Vigo que abusou sexualmente de 16 menores

A Sala confirma que houbo prevalemento no delito e descarta irregularidades na investigación policial.

PUBLICADO O

O Tribunal Supremo desestimou o recurso de casación interposto por C.V.I., hostaleiro vigués coñecido como ‘Papuchi’, e confirmou a condena de 36 anos de cárcere por abusar sexualmente de 16 menores, entre 2015 e 2017.

O hostaleiro foi xulgado e condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra a esa pena de prisión, e impúxoselle o pago dunha indemnización de 17.500 euros ás súas vítimas. Esta condena foi ratificada posteriormente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, agora, tamén avalada polo Tribunal Supremo.

Na resolución recóllese que o condenado utilizaba o seu establecemento hostaleiro para contactar con menores de idade, aos que consideraba “máis facilmente maleables”, e aos que expuña as súas propostas sexuais a cambio de comida e bebida gratis no seu restaurante, convidándoos ao seu domicilio ou paseándoos nos coches que utilizaba o condenado. Tamén os levaba a partidos de fútbol do Celta de Vigo, a discotecas ou no seu barco.

O condenado usaba as redes sociais Instagram, Whatsapp ou Snapchat para comunicarse cos menores, gañar a súa confianza e mesmo lles enviaba fotos espido, asumindo “un comportamento de adolescente”.

O Supremo constata que C.V.I. actuaba con prevalimento sobre as súas vítimas porque, aínda que non era o seu pai, titor, profesor nin guía espiritual, si que levaba a cabo “un despregamento de medios, de actividade, de agasallos e todas as circunstancias que o recorrente ofrecía ás vítimas para que accedesen á relación sexual, elementos dos que se prevalía para alcanzar a aceptación nas prácticas sexuais”.

Co despregamento dese “arsenal de atractivos”, lograba convencer os menores “para que se introducisen na rede que el mesmo tecera, en canto a un substrato atractivo de lugares aos que podían acudir as vítimas, sempre e claro que existise a contraprestación de índole sexual”.

Por tanto, non só é que se aproveitase da gran diferenza de idade (entre 24 e 27 anos), senón que lles ofrecía un elenco de posibilidades que, “en circunstancias normais”, os rapaces non aceptarían, pero que el exhibía e facilitaba para conseguir o consentimento aos actos sexuais.

Segundo lembrou o Tribunal, as relacións de confianza das que se poida prevaler unha persoa non se encadran nun marco taxado e/ou pechado, senón que pode ser calquera outra da que poida deducirse que unha persoa pon en marcha ou se aproveita para a consecución dos seus obxectivos de contido sexual, e que neste caso o recorrente puxo en marcha para facer atractivo que os menores aceptasen as súas propostas de contido sexual.

Así mesmo, a Sala conclúe que existía “consciencia, coñecemento e procura das vítimas co perfil da menor idade” xa que consideraba que esas vítimas eran “máis facilmente maleables”.

CUESTIONAMIENTO DA INVESTIGACIÓN POLICIAL

Por outra banda, o tribunal descarta a vulneración do dereito de defensa alegada polo recorrente, que sostén que na investigación policial preliminar se preparou o que debían dicir os menores en fase sumarial e plenario.

O Supremo non observa “ningunha actuación irregular por parte da Policía senón que a secuencia da investigación se orienta á investigación e esclarecemento da identidade e circunstancias dun delito de índole sexual, no que cada vez se observaba a existencia dun maior número de vítimas”.

Respecto diso, sinala que “era obrigación da investigación policial pechar adecuadamente a identidade de vítimas ante feitos nos que, por regra xeral, estas adoitan gardar silencio”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...