InicioPolíticaJuan Carlos I aterra en Vigo tras case dous anos fóra de...

Juan Carlos I aterra en Vigo tras case dous anos fóra de España

Chegou nun voo privado directo de Abu Dabi.

PUBLICADO O

O rei emérito de España Juan Carlos I aterrou este xoves en Vigo tras case dous anos fóra de territorio español, despois de que o abandonase o 3 de agosto de 2020 a bordo dun jet privado para instalarse en Abu Dabi (Emiratos Árabes Unidos).

Máis de 650 días despois, o rei emérito volveu pisar chan do Estado español sobre as 19,00 horas desta tarde, chegando ao aeroporto vigués de Peinador nun voo privado directo de Abu Dabi.

Tras un oito horas de voo e máis de 6.000 quilómetros, Juan Carlos I elixiu o aeródromo de Vigo para volver.

Horas antes, este xoves sobre as 17,00 horas, a infanta Elena aterrou en Peinador nun voo comercial procedente de Madrid. Ela mesma recibiu o seu pai na pista de aterraxe, á que o emérito baixou do avión con dificultade pero sen o seu habitual bastón. Alí déronse unha a“perta para logo montar no coche do seu amigo empresario e presidente do Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos.

Á saída do aeroporto, o rei emérito estaba sentado no asento de copiloto do coche, co portelo baixado para saudar á multitude de prensa que o esperaba desde había horas ás portas do aeródromo vigués. A partir de aí, viaxou en coche ata a localidade de Sanxenxo, onde prevén que Juan Carlos faga a súa primeira aparición pública arredor do mediodía do venres ao acudir a un acto de benvida no Club Náutico, onde o recibirán amigos e o alcalde do concello, Telmo Martín.

O emérito e a súa filla aloxaranse a fin de semana nunha vivenda que Pedro Campos, empresario e presidente do club náutico, ten na zona de Nanín, onde xa pasou a noite “moitas veces”. Tal e como explicou o seu amigo, o plan da fin de semana será principalmente “caseiro”, aínda que tamén dependerá de se lle apetece saír.

COMPETIRÁ NA REGATA?

Segundo apuntan  distintas fontes do Concello de Sanxenxo e a súa contorna, Juan Carlos acudirá a un evento organizado polo club con motivo da súa chegada e do arranque da Copa de España de Vela de 6 Metros, modalidade na que compite o ‘Bribón’.

O rexistro de participantes será este mesmo venres de 10.00 a 12.00 horas, mentres que a reunión dos patróns das embarcacións da regata será ao redor das 11.30 horas. Con todo, en Sanxenxo prevén que o emérito acuda ás instalacións do club e se deixe ver sobre as 12.00 horas do mediodía. A primeira proba da competición, que se alongará ata o domingo, dará comezo ás 15.00 horas.

O ‘Bribón’ e o peirao xa están “listos” por se Juan Carlos “se anima” a volver capitanealo, pero o presidente do Club Náutico de Sanxenxo lembra que o emérito leva “case tres anos sen navegar”.

Así, aínda que ten a intención de volver á vela, se se embarcará ou se acudirá como un mero espectador é unha decisión “que el terá que tomar” en función do que lle apeteza facer e de “a meteoroloxía” da ría de Pontevedra, aínda que parece que será favorable para a práctica deste deporte.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...