Detido en Vigo por cuspir e ameazar á súa exmoza nun local de copas

Foi detido por un delito de violencia de xénero.

Rúa Inés Pérez de Ceta/ Google

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 25 anos de idade, H.D.P.C., como autor dun presunto delito de violencia de xénero, tras cuspir e ameazar de gravidade á súa exmoza, coa que coincidiu nun establecemento de lecer nocturno da cidade. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada do pasado sábado, cando unha dotación do 092 que patrullaba pola rúa Inés Pérez de Ceta foi abordada por tres mozas.

Unha delas explicou aos axentes que se atopaba nun local próximo cando a súa exparella a abordou para logo tirarlle por riba unha consumición, ademais de cuspirlle e ameazala. As dúas acompañantes verificaron a súa versión do ocorrido, e explicaron que elas se interpuxeron para salvagardar a integridade da súa amiga, ao que o exmozo respondeu cuspíndoas e insultándoas.

A moza tamén relatou aos policías que levaba tempo sendo vítima de constante acoso por parte do rapaz, aínda que non denunciara os feitos. Os axentes indicáronlle que debía acudir a un centro médico, debido ao seu estado de nerviosismo polo ocorrido. Así mesmo, os funcionarios acudiron ao establecemento e, tras identificar ao presunto autor da agresión, procederon á súa detención.