InicioEconomíaOs traballadores de Barreras advirten de novas protestas: "Daremos a batalla"

Os traballadores de Barreras advirten de novas protestas: “Daremos a batalla”

Advirten de que irán contra Ritz-Carlton pola vía penal, por un suposto alzamento de bens

PUBLICADO O

O comité de empresa do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras anunciou que dará a batalla nos xulgados e “na rúa” se o xulgado mercantil acorda a venda da unidade produtiva a Armón, o que suporía o despedimento de practicamente a totalidade do persoal (uns 100 traballadores) e advertiron: “Non vai ser un despedimento fácil”.

O sindicato UGT, maioritario no órgano de representación, convocou este luns unha concentración e un corte de tráfico fronte ás instalacións da empresa, en cuxa fachada que colocaron carteis pedindo unha “solución” para Barreras, e cualificando aos seus propietarios, Ritz-Carlton, de “piratas” e “traidores”.

Sergio Gálvez, presidente do comité, lamentou o “pouco apoio” que tivo o persoal neste proceso, no que tanto a propiedade como o administrador concursal comprometéronse a respectar no posible o mantemento do emprego, segundo denunciaron. “E habendo dúas ofertas que respectaban o emprego (as de Marina Meridional e a de Gondán, a preferida do persoal), foron escoller a que bota á rúa a 100 traballadores“, criticou.

Tras lembrar que Armón prescindiría dun persoal “cunha alta cualificación”, advertiu de que a súa oferta converterá aos 20 empregados que sigan no estaleiro en meros operarios “para mover chapa”, cando Barreiras foi “un símbolo da construción naval en España” e fixo “os mellores barcos”.

Gálvez insistiu en que o comportamento dos traballadores “foi sempre exemplar”, para facilitar unha saída ao futuro do estaleiro, e denunciou que a Xunta, lonxe de velar polos intereses do persoal e da empresa, “está nunha pasividade absoluta”.

BATALLA LEGAL E NA RÚA

Por iso, anunciou que os traballadores van dar a batalla nos tribunais, presentando alegacións contra o informe “detestable” do administrador concursal e recurso no caso de que o xulgado acorde elixir a oferta de Armón, e tamén “na rúa”, con novas concentracións, previstas para o mércores e o venres.

Hai cuestións que nos xeran dúbidas, por exemplo en materia de competencia, porque Armón xa ten o 50 % da construción naval e vai tomar unha posición dominante, mentres que non se deixa crecer a outros estaleiros que teñen problema para dar saída á súa carga de traballo (por falta de espazo)”, sinalou Sergio Gálvez.

Con respecto á actual propiedade do estaleiro, que ostenta unha naviera de Ritz Carlton, avanzou que “seguramente” o comité actuará contra ela pola vía penal, ao considerar que puido incorrer nun delito de alzamento de bens “porque levou o barco fora (o cruceiro Evrima), levaron carga de traballo e compraron unha naviera con toda fanfarria”. “Hai partido e imos xogar”, insistiu.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...