InicioSociedadeO Tribunal Superior confirma a condena de 32 anos e medio de...

O Tribunal Superior confirma a condena de 32 anos e medio de cárcere para o salesiano de Vigo que abusou de menores

O TSXG rexeita o recurso de apelación interposto polo sacerdote.

PUBLICADO O

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 32 anos e medio de cárcere imposto pola Audiencia Provincial de Pontevedra a Segundo C.V., un salesiano do colexio de Vigo por abusar de seis menores.

Na súa resolución, os maxistrados rexeitaron o recurso de apelación interposto polo sacerdote, indicando que a hipótese de que puido practicar os tocamentos outra persoa “preséntase absolutamente fóra dos parámetros probatorios” e subliñando que as probas psicolóxicas que se practicaron sobre o acusado “en nada impiden a realización de feitos” como os descritos.

Ademais, aseguran que nas alegacións pretende “establecer sombras de dúbida en canto ás testificais das vítimas”, as cales, segundo o alto tribunal galego, cumpren con todos os parámetros de credibilidade e están corroboradas pola proba pericial psicolóxica practicada aos afectados.

O TSXG recalca que “a superioridade ou prevalencia do apelante sobre os menores” é manifesta, pois lembra que se trata “dun profesor de relixión, director de actividades, monitor, director tamén das actividades da asociación Abertal, que só por tal condición xa se sitúa nun plano de superioridade indubidable sobre os alumnos e, concretamente, sobre as vítimas”.

Os maxistrados engaden que esa superioridade o é tamén desde o propio recoñecemento que as vítimas fan do condenado, considerando que é un “segundo pai ou alguén en quen confiar” e, por tanto, “descartando de inicio calquera comportamento que puidese resultarlles prexudicial”.

TOCAMENTOS

Segundo se recollía na sentenza da sección cuarta da Audiencia Provincial, o modo de actuar era sempre moi parecido: o acusado achegábase aos mozos cando estes durmían e tocáballes por enriba do pixama ou, algunhas veces, por dentro da roupa. Os menores, ao decatarse do que ocorría, trataban de eludir o seu profesor virándose, pechando o seu saco de durmir ou mesmo póndose unha almofada entre as pernas.

Dado que a relación do acusado cos mozos era de amizade e confianza, as vítimas quedaban en estado de ‘shock’ cando sufrían os tocamentos, e algún deles dubidou á hora de denuncialos por medo a que non lle cresen e por vergoña.

Ademais deses episodios, o tribunal atribúelle outro delito de abusos, cometido sobre outro menor en xuño de 2019. Nese caso, os feitos ocorreron na sede dunha asociación xuvenil vinculada ao colexio dos Salesianos en Vigo, onde o acusado se atopaba vendo un partido de fútbol con outros mozos.

Alí, aproveitando que se achegaba a falar cun dos mozos, puxo a súa man nos xenitais do menor que estaba ao seu lado. Cando o mozo se decatou, levantouse a por bebidas e, para evitar sentar de novo xunto ao sacerdote, acabou acomodándose no chan con outros compañeiros.

DELITOS E CONDENA

En total, foron seis os mozos afectados e sobre os que cometeu sete delitos de abusos sexuais, tres deles continuados. En todos os casos, deuse a circunstancia agravante de abuso de superioridade.

Os maxistrados outorgaron credibilidade ao testemuño dos menores e rexeitaron que denunciasen os feitos guiados por un ánimo espurio ou por interese de prexudicar o procesado. Ao contrario, na súa resolución lembraron que o agora condenado “non era só un profesor, era o seu amigo, o seu referente”.

Ademais, os psicólogos forenses que os examinaron determinaron que todos padeceron, como consecuencia deses abusos, danos psicolóxicos en maior ou menor grao, compatibles cos feitos que se axuizaron.

En definitiva, a Audiencia apuntaba que os menores non gañaron nada denunciando os feitos, senón que, por contra, “sufriron as insidias e menosprecios doutros compañeiros que os chamaron mentireiros”.

Por todos estes feitos, o tribunal condenou a Segundo C.V. a penas que suman 32 anos e medio de cárcere, e 36 anos de liberdade vixiada. Ademais, terá que manterse afastado das súas vítimas entre 4 e 9 anos, e será inhabilitado durante 31 anos para o exercicio de cargo, profesión ou oficio que requira contacto con menores.

Na sentenza, agora confirmada polo TSXG, tamén se recolle que todos os menores sufriron trastornos de conduta, ou de tensión postraumática nalgún caso. Así, as vítimas padeceron problemas de soño, pesadelos recorrentes, baixo rendemento escolar, síntomas depresivos, de irritabilidad, comportamento desconfiado e outras secuelas.

Por eses danos, a Audiencia estableceu que o acusado, xunto coa Congregación San Francisco de Sales e a Inspectoría Salesiana Santiago o Maior indemnicen aos mozos en cantidades que suman 76.000 euros.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...