A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidad a detección en Galicia de dous novos casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida.
Segundo informou Sanidade nun comunicado de prensa, estes dous novos casos pertencen á área sanitaria de Vigo. Un deles, concreta, tivo a enfermidade no mes de marzo e outro permanece ingresado e, destaca, “evoluciona favorablemente”. Ata a data, detectáronse en Galicia cinco casos, dos cales dous permanecen coa enfermidade activa, puntualiza a Xunta.
Os dous primeiros casos notificados foron feitos públicos por Sanidade o pasado 19 de abril, un na área da Coruña e outro na de Vigo. No seu momento, indicou a Consellería que un pasou a enfermidade en xaneiro e o outro estaba en recuperación cunha evolución clínica positiva.