Pontón presenta un plan de 700 millóns “que poría en marcha un goberno do BNG” ante a suba de prezos

Segundo destacou Pontón, trátase de medidas "que poría en marcha un goberno do BNG" ante a peor crise inflaccionista do últimas catro décadas, e que inclúen un fondo de 90 millóns de euros de "rescate social" para axudar aos colectivos máis desfavorecidos.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa no Parlamento galego. BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este martes en Vigo nun encontro enmarcado na campaña ‘Os prezos soben, vos teus cartos baixan’, no que presentou o plan de choque proposto por esta formación, dotado con 700 millóns de euros, para facer fronte á alza dos prezos, e para axudar “ás persoas e ás pemes”.

Segundo destacou Pontón, trátase de medidas “que poría en marcha un goberno do BNG” ante a peor crise inflaccionista do últimas catro décadas, e que inclúen un fondo de 90 millóns de euros de “rescate social” para axudar aos colectivos máis desfavorecidos. Con este fondo aumentaríase en 100 euros o tramo autonómico das pensións non contributivas, melloraríase a prestación da RISGA (que sería compatible co IMV), e aumentaríanse as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda.

A segunda liña de actuación sería un fondo de rescate económico de 175 millóns para sectores produtivos e pemes, con actuacións para incentivar o consumo local e a hostalaría, ou axudas para o sector primario.

Así mesmo, o BNG propón un plan extraordinario de investimentos en obra pública, centrado na vivenda, a transición enerxética e a transición dixital, capaz de mobilizar 375 millóns de euros; así como un fondo de apoio ao concello para compensar a subida do prezo da luz e dos carburantes. Finalmente, prevé un fondo de liquidez para facilitar liñas de financiamento e avais a pequenas e medianas empresas.

Ana Pontón explicou que, xunto a todas estas medidas “de urxencia”, o BNG está a preparar unha proposición de lei con máis medidas a medio e longo prazo, de carácter estrutural, para modernizar Galicia nos ámbitos financeiro (creación dun instituto de crédito), enerxético (constitución dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega), de reactivación industrial; reactivación do sector primario; e recuperación do medio rural.