InicioEconomíaConcentración en apoio á traballadora acosada tras quedar embarazada

Concentración en apoio á traballadora acosada tras quedar embarazada

A CIG convocou unha mobilización coincidindo co acto de conciliación previo ao xuízo no que a central sindical reclama a nulidade do despedimento da muller vítima de acoso laboral.

PUBLICADO O

Decenas de persoas concentráronse este xoves diante da sede do Servizo de Mediación e Conciliación (SMAC) de Vigo en apoio á traballadora da empresa Termocalor que foi acosada laboralmente tras quedar embarazada e agora despedida.

Así, a CIG convocou unha mobilización coincidindo co acto de conciliación previo ao xuízo no que a central sindical reclama a nulidade do despedimento da muller vítima de acoso laboral, que deixou de traballar na compañía o pasado mes de marzo cando o seu fillo cumpriu 12 anos, data na cal xa non pode seguir gozando dunha redución de xornada e foi despedida.

Segundo explicou a propia afectada, o acoso comezou cando lle comunicou ao seu xefe que estaba embarazada da súa primeira filla. “O primeiro que me dixo foi: Ben, ti coñeces as túas responsabilidades e eu as miñas”, asegurou a muller, segundo recolle a CIG. A pesar de que, segundo ela, todo empezou co primeiro embarazo, agravaríase dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez e optaron por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución de xornada de forma partida.

Neste sentido, asegurou que desde que quedou embarazada por primeira vez tivo que aguantar “de todo” por parte da empresa. Por exemplo, segundo relatou, cando volveu da súa baixa de maternidade a persoa que a substituía quedou no seu posto e ela foi enviada a un cuarto que antes se utilizaba como almacén “no que colocaron unha mesa, o computador máis vello da empresa e un teléfono portátil que deixaban ou quitaban dependendo de se facía falta ou non”. Mesmo lle chegaron a propor que deixase a empresa de forma voluntaria.

Así, en 2019 o Tribunal Supremo confirmou a multa imposta pola Inspección de Traballo á empresa na que traballaba de 20.000 euros, recoñecendo o acoso laboral vivido entre os anos 2008 e 2010, a pesar de que ela asegura que a situación continuou máis de dez anos “de forma máis relaxada, aínda que non cambiou substancialmente”.

Con todo, a pesar desta resolución, o pasado 10 de marzo recibiu a notificación de despedimento disciplinario con efectos para ese mesmo día. Ela nega incumprir calquera das súas obrigacións contractuais, polo que a CIG denunciou a situación.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...