InicioEconomíaPiden a nulidade do despedimento dunha traballadora viguesa acosada laboralmente despois do...

Piden a nulidade do despedimento dunha traballadora viguesa acosada laboralmente despois do embarazo

A traballadora gañara en 2019 unha denuncia de acoso laboral e, tras acabar a redución de xornada este ano, despedírona.

PUBLICADO O

Unha traballadora viguesa que foi acosada laboralmente despois de quedar embaraza foi despedida o pasado mes de marzo cando o seu fillo cumpriu 12 anos, data na cal xa non pode seguir gozando dunha redución de xornada.

Así, segundo informaron fontes da CIG, presentouse unha demanda ante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) reclamando a nulidade do despedimento, xa que a traballadora gañara en 2019 unha denuncia de acoso laboral e, tras acabar a redución de xornada este ano, despedírona.

Segundo explicou a propia afectada, todo comezou cando lle comunicou ao seu xefe que estaba embarazada da súa primeira filla. “O primeiro que me dixo foi: ‘Bo, ti coñeces as túas responsabilidades e eu as miñas”, asegurou a muller, segundo recolle a CIG.

A pesar de que, segundo ela, o acoso comezou co primeiro embarazo, agravaríase dous anos despois cando decide ser nai por segunda vez e optaron por cambiarlle o horario e obrigarlle a facer as cinco horas de redución de xornada de forma partida.

“Para min era imposible, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender os meus fillos pola tarde. Non me daba tempo a comer nin a coidalos, polo que acabei cunha tensión enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller a baixa“, lamentou.

Neste sentido, asegurou que desde que quedou embarazada por primeira vez tivo que aguantar “de todo” por parte da empresa. Por exemplo, segundo relatou, cando volveu da súa baixa de maternidade a persoa que a substituía quedou no seu posto e ela foi enviada a un cuarto que antes se utilizaba como almacén “no que colocaron unha mesa, o computador máis vello da empresa e un teléfono portátil que deixaban ou quitaban dependendo de se facía falta ou non”. Mesmo lle chegaron a propor que deixase a empresa de forma voluntaria.

Así, en 2019 o Tribunal Supremo confirmou a multa imposta pola Inspección de Traballo á empresa na que traballaba de 20.000 euros, recoñecendo o acoso laboral vivido entre os anos 2008 e 2010, a pesar de que ela asegura que a situación continuou máis de dez anos “de forma máis relaxada, aínda que non cambiou substancialmente”.

Con todo, a pesar desta resolución, o pasado 10 de marzo recibiu a notificación de despedimento disciplinario con efectos para ese mesmo día. Ela nega incumprir calquera das súas obrigas contractuais.

Por todo iso, a CIG anunciou que levará a cabo este xoves, día 28 de abril, unha concentración diante da sede do SMAC de Vigo ás 11,45 horas en protesta da acción da empresa.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...