Rubén Riós mostra a peregrinaxe de persoas con parálise cerebral no documental ‘Outros Camiños’

Foi presentado este martes en Vigo.

Presentación do documental 'Outros Camiños', de Rubén Riós, sobre o traballo da asociación DisCamino / Xunta de Galicia.

A delegación territorial da Xunta en Vigo acolleu este martes a presentación do documental ‘Outros Camiños’, do cineasta galego Rubén Riós, que mostra a experiencia de catro persoas con parálise cerebral na Ruta Xacobea, a través do traballo que leva a cabo a Asociación DisCamino.

A cinta, apoiada pola Xunta a través do programa Xacobeo 21-22, recolle o proxecto de DisCamino, entidade viguesa comandada por Javier Pitillas, e que xa organizou máis dunha ducia de ‘expedicións’ do Camiño de Santiago con persoas con discapacidade.

‘Outros Camiños’ reflicte, segundo explicou Rubén Riós, unha “profunda experiencia de vida” grazas a un grupo de persoas con parálise cerebral, que abordan o reto do Camiño nun clima de enerxía positiva. “Tomamos como escenario os espazos inigualables do Camiño de Santiago e achegamos ao espectador unha realidade máis inclusiva e accesible“, subliñou.

A través da película, producida por ‘Claqueta Coqueta’ (especializada no ámbito da exclusión e a vulnerabilidade social), os catro protagonistas (Fani, Paula, David e Javichi) axudan a coñecer a relación entre as persoas que percorren máis de 500 quilómetros da Ruta Xacobea, e o proxecto desenvolvido por DisCamino.

Na presentación do documental participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, que trasladou o compromiso do goberno galego para “avanzar na accesibilidade”.