InicioSociedadeA Xunta licita a urbanización do polígono 1 da ampliación de Navia...

A Xunta licita a urbanización do polígono 1 da ampliación de Navia e o Concello anuncia a aprobación do 2

Abel Caballero insiste en atribuír os atrasos á "neglixencia administrativa" da Xunta

PUBLICADO O

A Xunta de Galicia sacou a licitación as obras de urbanización do polígono 1 da ampliación do barrio vigués de Navia, por 11,45 millóns de euros, e as empresas interesadas teñen ata o 2 de maio para presentar as súas ofertas.

Este procedemento ten como finalidade acondicionar case 100.000 metros cadrados dese ámbito nunha primeira fase, á que seguirán as urbanizacións dos polígonos 2 e 3. A previsión é que, ademais doutras dotacións e zonas verdes, neses tres polígonos se constrúan 1.600 vivendas protexidas.

As obras previstas contemplan pavimentación, saneamento, sinalización, xardinaría, un carril-bici, equipamento urbano, etc., no entanto, os traballos non poderán comezar ata que o Concello de Vigo aprobe definitivamente o proxecto de urbanización (a aprobación inicial produciuse o pasado 8 de marzo).

Neste primeiro polígono, está prevista a construción de 733 vivendas protexidas, das que 207 son de promoción pública (cun investimento estimado de 28,5 millóns de euros), 331 de cooperativas e outros promotores, e 195 corresponden a permutas de chan. Con respecto ás vivendas promovidas pola Xunta, a administración xa licitou en xaneiro a redacción do proxecto para as primeiras 79 vivendas, e prevé facer o mesmo co resto no mes de abril.

POLÍGONO 2

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves que a Xerencia de Urbanismo dará luz verde inicial ao proxecto de urbanización do polígono 2 o vindeiro martes, e lembrou que é precisamente nese ámbito, onde se prevé a construción do demandado instituto para ese barrio.

Segundo o rexedor, o Concello recibiu o pasado mes de febreiro a proposta definitiva de urbanización do polígono 2 e recalcou que a Xunta “tardou 11 anos” en avanzar na ampliación de Navia, mentres que a administración local tarda “dúas ou tres semanas en aprobar toda a ampliación”.

Por outra banda, volveu insistir en que é “imprescindible” que a Xunta firme o convenio proposto polo goberno local para que este lle ceda unha parcela do polígono dous e o goberno autonómico constrúa xa a infraestrutura educativa. “É sinxelo, o Concello entrégalle os terreos preparados, e a Xunta edifica”, proclamou.

No entanto, os terreos dos que fala o rexedor non son titularidade do Concello, senón do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que foi o que os expropiou. A tramitación ordinaria levaría a que o IGVS traspasase esa parcela ao Concello e este o cedese á Consellería de Educación.

Con todo, a pasada semana o propio conselleiro propuxo ao goberno local que, para axilizar os trámites, puidésese “saltar” ese paso, e houbese unha cesión directa do IGVS a Educación. Unha proposta que non tivo resposta de Abel Caballero.

De feito, este mesmo venres insistiu en que non recibiu ningunha proposta de acordo “desde a Consellería”, xa que dita proposta foi remitida ao Concello por parte da delegación territorial da Xunta en Vigo. A ese respecto, xa hai uns días, o rexedor apuntou que non tomaría en consideración ningunha formulación que non procedese directamente do conselleiro.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...