InicioPolíticaPiden 12 anos de inhabilitación para o exalcalde pedáneo de Bembrive, que...

Piden 12 anos de inhabilitación para o exalcalde pedáneo de Bembrive, que volve a xuízo acusado de prevaricación

Atribúenlle o pago de facturas por case 800.000 euros para obras e servizos contratados de forma "verbal".

PUBLICADO O

O exalcalde da pedanía viguesa de Bembrive, Roberto Ballesteros, volverá sentar no banco dos acusados como presunto autor dun delito de prevaricación administrativa, pola aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar case 800.000 euros en facturas correspondentes a obras e servizos contratados ‘a dedo’, e polo que se pide para el 12 anos de inhabilitación.

Ballesteros será xulgado o martes na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, aínda que é posible que a vista non chegue a celebrarse porque está previsto un acordo de conformidade.

Os feitos aos que se refire este procedemento sucederon entre 2013 e 2016, cando o entón alcalde pedáneo contratou “de forma directa e verbal” a realización de numerosas obras e servizos, entre elas a retirada dunha vertedura preto dun campo de fútbol, ou a construción dun ‘skate park’ nesta parroquia de Vigo.

Todas estas contratacións fixéronse ‘a dedo’, ás empresas que o alcalde considerou oportunas, e sen que se incoasen os correspondentes expedientes de contratación, nin se pedisen informes ao interventor municipal. A Fiscalía sostén que Roberto Ballesteros era consciente das irregularidades e de que non había crédito suficiente para pagar as obras e servizos que estaba a contratar.

Así, o acusado prevía que a pedanía afrontase a eses gastos cun recoñecemento extraxudicial de crédito con cargo a remanentes (Bembrive tiña fondos procedentes de ingresos por unhas expropiacións realizadas anos antes, algo do que Ballesteros era coñecedor).

A Fiscalía considera ao exalcalde pedáneo autor dun delito de prevaricación administrativa, e pide que sexa inhabilitado durante 12 anos.

CONDENAS ANTERIORES

Ballesteros foi elixido alcalde pedáneo polo PSOE en 2011 e dimitiu en 2021, pouco despois de que o Tribunal Supremo confirmase unha condena por prevaricación, ao suspender de forma irregular as retribucións dos vogais do PP na entidad local menor, en 2013.

Nesa ocasión, a pena que se lle impuxo foi de 7 anos de inhabilitación, e o tribunal penal considerou que Ballesteros tomara a decisión “a propósito da súa inxustiza e malia ser apercibido polo secretario-interventor da ausencia de legalidade na súa resolución”.

En 2021 foi condenado por segunda vez, nese caso pola Audiencia Provincial, como autor dun delito de falsidade, en concurso medial cun de malversación, e un delito de prevaricación, por propiciar o pago dunha obra que non se chegou a executar. A pena foi entón de dous anos e dous meses de prisión e 7 anos de inhabilitación, e tamén foi condenado un construtor como cooperador necesario.

Antes de todo iso, o exalcalde pedáneo estivo envolvido noutra polémica, xa que foi denunciado en 2011 por unha excompañeira socialista. A denunciante sostiña que Ballesteros cobraba comisións a cambio de favores no Concello de Vigo (ademais de alcalde pedáneo, era funcionario no consistorio).

Os xulgados abriron dilixencias, pero a causa acabouse arquivando por falta de probas, e, aínda que mesmo se puxo en marcha unha comisión de investigación no propio Concello, esta tamén concluíu sen ningún tipo de medida sancionadora.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...