Xunta cederá ao Concello de Vigo dúas parcelas do Consorcio Casco Vello no ámbito da panificadora

Trátase dos números 43 e 59 de rúa Santiago, cunha superficie conxunta duns 150 metros cadrados. "Cédense para ser destinados ao uso dotacional previsto na modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma do Casco Vello de Vigo", explicou a delegada do Goberno galego.

Marta Fernández-Tapias no Casco Lanuxe.. XUNTA

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou este luns a cesión gratuíta ao Concello de Vigo de dúas parcelas do organismo rehabilitador na rúa Santiago, dando así cumprimento ao acordo asinado no consello de administración do 25 de marzo de 2020.

Fernández-Tapias enmarcou esta decisión na vontade de colaboración do Consorcio do Casco Vello (CCVV) co goberno local no desenvolvemento do ámbito da panificadora. Dito CCVV está participado nun 90% pola Xunta e nun 10% polo concello olívico.

Trátase dos números 43 e 59 de rúa Santiago, cunha superficie conxunta duns 150 metros cadrados. “Cédense para ser destinados ao uso dotacional previsto na modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma do Casco Vello de Vigo“, explicou a delegada do Goberno galego.

Estes inmobles non poderán destinarse a fins distintos aos do acordo e o concello ten un prazo máximo de catro anos para o seu desenvolvemento. Fernández-Tapias destacou a importancia da colaboración entre administracións e pediu ao Concello de Vigo “maior proactividad” activando os mecanismos urbanísticos que permitan ao Casco Vello intensificar a adquisición de inmobles.

Neste sentido, segundo recolle a Xunta nun comunicado, pediu que se habiliten as ferramentas expropiatorias que permitirían desbloquear a rehabilitación de edificios cando non é posible acceder ao chan mediante a súa compra. Nesta liña pronunciouse sobre o Centro de Arte Contemporánea, a aposta do Executivo autonómico para un dos edificios contiguos ao albergue de peregrinos do Berbés, solicitando aos representantes municipais que “levanten o veto”.