Traballadoras de limpeza de edificios municipais de Vigo denuncian o incumprimento do convenio e do prego

A oposición critica a falta de control das concesionarias por parte do goberno local.

Concentración de traballadoras da limpeza de edificios municipais de Vigo.

Traballadoras de Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza en edificios municipais de Vigo, concentráronse este luns fronte ao Consistorio olívico para denunciar o incumprimento do convenio e dos pregos de condicións do contrato por parte da empresa.

Segundo explicou a responsable da Federación de Servizos da CIG, Tránsito Fernández, detectaron que a empresa está a prestar menos horas de servizo que os estipulados no prego (unhas 300 horas menos este ano) e ademais, está a trasladar ás traballadoras desde o seu centro habitual de traballo a outras instalacións por máis tempo do permitido. A isto súmase o feito de que se “nega a aplicar o IPC real” na actualización de salarios.

O comité de empresa reclama, así mesmo, ao Concello, que “controle” as empresas concesionarias para que cumpran os pregos dos servizos, que están pagados “con diñeiro público”. Así, aínda que pediron unha reunión co concelleiro de Limpeza, Francisco Javier Pardo, aínda non tiveron resposta, se ben este luns si mantiveron encontros con representantes dos grupos da oposición para trasladarlles a situación.

Este servizo de limpeza afecta a todas as instalacións e edificios municipais (o Concello en Praza do Rei, museos, o zoolóxico, etc.) e préstano 60 empregadas. Segundo denunciou a CIG, máis da metade do persoal traballa a tempo parcial.

REUNIÓNS COA OPOSICIÓN

Tras manter encontros con representantes deste colectivo, os grupos da oposición chamaron ao goberno municipal a recibilos e a apoiar as súas demandas. Así, desde o PP, a concelleira Teresa Egerique lembrou que estas traballadoras “deron exemplo” durante a pandemia desempeñando o seu labor “sen pedir nada a cambio” e é xusto que agora se revise o seu convenio para que teñan mellores condicións. Respecto diso, advertiu de que é unha “obrigación” do goberno municipal recibilas e atender as súas demandas.

O grupo Marea de Vigo criticou, pola súa banda, a “absoluta falta de tutela e de control” das concesionarias por parte do goberno municipal e lamentou a negativa a constituír unha comisión de seguimento destas empresas, onde se está “cronificando” unha situación de “salvaxismo laboral”.

O concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que se manteñen os “graves incumprimentos” do prego, que xa foron denunciados hai meses: menos horas de traballo, negativa a substituír baixas, traslados de persoal inxustificados, etc. “A empresa non presta o servizo polo que foi contratada e polo que vai cobrar 7 millóns de euros”, censurou, e criticou que o goberno local “consente” eses incumprimentos.