InicioSociedadePorto de Vigo reclama 4,6 millóns ao Concello polas obras tralo accidente...

Porto de Vigo reclama 4,6 millóns ao Concello polas obras tralo accidente do Marisquiño

Abel Caballero insistiu en que aínda "hai percorrido" xudicial porque se poden recorrer as sentenzas do TSXG.

PUBLICADO O

A Autoridade Portuaria de Vigo anunciou este venres que reclamará, por vía administrativa, os 4,6 millóns que o organismo portuario investiu en arranxar o Paseo das Avenidas, unha zona que, segun confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en dúas recentes sentenzas, tiña que ser mantida e conservada en perfecto estado polo Concello, en virtude do convenio Abrir Vigo ao Mar.

Nunha rolda de prensa, o presidente do Porto, Jesús Vázquez Almuíña, trasladou a súa “satisfacción” polas resolucións do alto tribunal galego, e explicou que estas teñen a súa orixe en senllos recursos despois de que o Porto acordase a resolución do convenio, debido ao seu incumprimento por parte da administración municipal.

Unha vez acordada esa resolución, o Porto asumiu o arranxo do paseo, tanto da zona que se afundiu durante un concerto no Marisquiño 2018 (causando máis de 450 feridos), como doutros espazos cuxo mantemento, tal e como confirmou agora o TSXG, era responsabilidade do Consistorio durante 50 anos.

Por iso, Vázquez Almuíña confirmou que a Autoridade Portuaria iniciará un procedemento administrativo para reclamar ao Concello os 4,6 millóns de euros investidos ata agora neses traballos, e avanzou que, a pesar da vontade de chegar a un acordo para unha “solución rápida”, se o Concello non accede, o Porto recorrerá á vía contenciosa.

REQUIRIMENTOS PREVIOS

Por outra banda, o presidente do Porto lembrou que este organismo requiriu en “múltiples ocasións” ao Concello para que actuase na zona das Avenidas, debido á deterioración do paseo, advertencias que foron ignoradas pola administración local.

Respecto diso, Vázquez Almuíña fixo referencia a tres sentencias resultado das correspondentes denuncias de viandantes que sufriron accidentes nas Avenidas polo mal estado do paseo. En todos os casos, os xulgados determinaron que estas persoas debían ser indemnizadas polo Concello, que era o que tiña a obrigación da conservación, limpeza e mantemento deses espazos.

PRECISIÓNS SOBRE AS SENTENZAS

Finalmente, sobre as sentenzas do TSXG, o presidente do Porto explicou que, pese ao voto particular dun maxistrado, as resolucións contaron cunha posición unánime doutros tres xuíces.

Vázquez Almuíña tamén matizou que unha das sentenzas, en concreto a que desestima o recurso interposto polo Concello, recolle expresamente a imposición de costas á institución municipal (contrariamente ao trasladado polo goberno local de Abel Caballero na súa primeira valoración das resolucións xudiciais).

GRUPOS MUNICIPAIS

Tras coñecerse as sentenzas do TSXG, o grupo municipal Marea de Vigo lamentou que, a pesar da cantidade de anos e os diferentes gobernos locais que pasaron desde a firma do convenio Abrir Vigo ao Mar (subscribiuse en 1992), nunca as administracións implicadas “aclararon suficientemente” os compromisos adquiridos por cada unha das partes.

Este grupo criticou tamén a “opacidade” do goberno local desde o día do accidente, sen dar “explicacións no Pleno” e negándose á apertura dunha comisión de investigación municipal. En todo caso, Marea sostén que a zona que se afundiu non figuraba no convenio Abrir Vigo ao Mar como cedida ao Concello.

O BNG, pola súa banda, censurou a “irresponsabilidade compartida” de Concello e Porto en relación á xestión dese paseo. As sentenzas demostran, segundo o edil nacionalista Xabier Pérez Igrexas, que “as disputas permanentes e a falta de cooperación entre administracións teñen graves efectos” para a cidade.

“HAI PERCORRIDO”

Mentres, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, referiuse a estas resolucións en rolda de prensa e, na mesma liña que o comunicado remitido aos medios este xoves, insistiu en que as sentenzas non son definitivas, porque poden ser recorridas en casación. “Hai percorrido, estamos a metade da tramitación (…), non é definitivo, non anticipemos, xa veremos onde acaba e como acaba”, proclamou.

Ademais, o rexedor insistiu en que hai un voto particular “moi contundente”, e así o recalcou ata en tres ocasiones, polo que o procedemento xudicial aínda non está esgotado. De feito, abundou, os servizos xurídicos municipais están a estudar a posibilidade de recorrer ante o Supremo.

ÚLTIMAS

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...

Poñen marcha un servizo de aluguer de bicis eléctricas en Vigo, dispoñibles en sete aparcadoiros da cidade

A compañía Welgood puxo en marcha un servizo de aluguer de bicicletas eléctricas en...