InicioPolíticaA Xunta celebra que "case un ano despois" o Concello de Vigo...

A Xunta celebra que “case un ano despois” o Concello de Vigo aprobase a urbanización da primeira fase de Navia

Dentro do polígono 1 de San Paio de Navia está prevista a construción de 733 vivendas protexidas, das cales 207 serán de promoción pública, 195 de permutas de chan e 331 construiranas cooperativas e promotores, principalmente destinadas a aluguer social.

PUBLICADO O

A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, celebrou o anuncio do Concello de Vigo de que acaba de aprobar inicialmente o proxecto de urbanización do polígono 1 da ampliación de San Paio de Navia, que permitirá desenvolver a primeira das fases, que contará con máis de 730 vivendas protexidas.

Tal como informou o Goberno galego nun comunicado, este anuncio chega “case un ano despois” de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitise o proxecto ao goberno municipal.

Neste sentido, Fernández-Tapias destacou que se trata dunha “boa noticia” para Vigo e para os vigueses, xa que supón “desbloquear na práctica a primeira parte dun proxecto crave para a cidade”.

Por este motivo, lamentou que o Executivo autonómico tivese que coñecer a aprobación a través dos medios de comunicación e non recibise ningunha notificación por parte da Xerencia de Urbanismo.

A partir de agora, segundo lembrou a delegada territorial da Xunta, o Concello terá que someter a información pública o proxecto do polígono 1 durante o prazo dun mes, como mínimo, antes de proceder á súa aprobación definitiva.

MÁIS DE 730 VIVENDAS

Dentro do polígono 1 de San Paio de Navia está prevista a construción de 733 vivendas protexidas, das cales 207 serán de promoción pública, 195 de permutas de chan e 331 construiranas cooperativas e promotores, principalmente destinadas a aluguer social.

Marta Fernández-Tapias indicou que a Xunta actuou sempre coa “máxima celeridade” co obxectivo de acurtar os tempos de tramitación do proxecto debido á súa “transcendencia” para a cidade. Así, explicou que en abril e maio o Goberno autonómico presentou ao Concello os proxectos de urbanización do tres fases nas que se divide a ampliación de Navia.

“Pero desde entón, o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o equipo redactor tiveron que revisar, recalcular e adaptar esas versións orixinais ao goteo constante de cambios solicitados polo Concello, mesmo máis aló das esixencias legalmente establecidas”, lamentou.

Por iso, lembrou que a día de hoxe o Concello aínda ten que pronunciarse sobre os outros dous proxectos de Navia. En total, proxéctanse unhas 1.600 vivendas cun investimento público-privada de 250 millóns de euros.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...