Pensionistas e xubilados protestan en Vigo contra os “abusos” das entidades financeiras

Reclaman unha "atención bancaria digna".

Protesta en Vigo de pensionistas e xubilados convocada pola CIG contra os "abusos" das entidades bancarias / CIG.

Xubilados e pensionistas concentráronse este martes, convocados pola CIG, para reclamar unha “atención bancaria digna” e para denunciar os “abusos” das entidades financeiras.

O sindicato nacionalista criticou a “discriminación” que os bancos exercen con respecto ás persoas maiores, especialmente en zonas rurais, xa que “fían todo á banca electrónica” e obstaculizan a estes clientes poder facer as súas xestións.

A protesta tivo lugar no cruzamento das rúas Colón e Policarpo Sanz en Vigo, onde se concentran un gran número de sedes de entidades bancarias, e onde se deu lectura a un comunicado para denunciar o “descontrolado e insolidario afán de xerar beneficios a conta do que sexa”.

Entre as medidas que criticaron está a imposición da relación informática no trato cos clientes, a redución de horarios de atención presencial, o peche de oficinas ou a falta de persoal. Todo iso, criticou a CIG, sen ter en conta as repercusións nos persoais e na atención aos clientes, e sen deixar de cobrar “comisións abusivas”.

Así, a central nacionalista cualificou esta situación de “proceso antisocial”, agudizado nas zonas rurais, “onde o peche de sucursais está moi avanzado”, sen que nin Xunta nin Goberno central “tomen cartas no asunto para impedir a desatención financeira” en zonas onde hai un elevado número de persoas maiores con dificultades para desenvolverse no medio telemático.