Rescatado o tripulante dunha embarcación que envorcou preto de Cabo Estai

Un membro da Policía Local lanzouse á auga para salvar o home.

Zona de Cabo Estai.

Un axente da Policía Local rescatou un home que caeu ao mar despois de que envorcase a embaracación na que navegaba este xoves á altura do Cabo Estai, en Vigo.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, ás 15,30 horas, unha ondada volteou a pequena barca na que viaxaba o afectado, que caeu ao mar e empezou a berrar pedindo axuda.

Os berros alertaron ás presonas que camiñaban pola liña de costa. A central do 112 recibiu varias chamadas de auxilio, que motivaron a articulación dun operativo de procura no que foron avisados Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, Urxencias Sanitarias 061 e as policías Local e Nacional.

Foi un membro da Policía Local quen se lanzou á auga para rescatar ao home que, axudado por unha embarcación particular, foi sacado da auga para o seu posterior traslado ao porto de Canido, onde esperaban os profesionais de Urxencias Sanitarias 061. Máis tarde, a vítima foi evacuada ao Hospital Álvaro Cunqueiro.