InicioCulturaObradoiros prácticos e charlas divulgativas para conmemorar o Día da muller e...

Obradoiros prácticos e charlas divulgativas para conmemorar o Día da muller e da nena na ciencia

O edificio Redeiras acollerá, o día 9, un debate interxeneracional entre investigadoras das UVigo.

PUBLICADO O

Aínda que o Día da muller e da nena na ciencia se celebra o día 11 de febreiro en todo o mundo, o mes de febreiro estará, en boa medida, dedicado na Universidade de Vigo a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas. Para conmemorar esta data, a institución programa, en colaboración coa FECYT, unha serie de actividades, tanto nos campus como en institutos, pensadas principalmente para as alumnas de secundaria. Trátase de que, por unha banda, coñezan a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación e, por outra, de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.

A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros ‘Elas fan Cientec’, que terá lugar o 11 de febreiro, recuperando a celebración presencial desta actividade, tras a edición de 2021 desenvolvida en liña. A organización corresponde a docentes e investigadoras da Universidade, co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade. Consiste nun programa de 16 talleres prácticos que se van desenvolver no Cinbio e en tres escolas de enxeñaría do campus e nos que participarán catro institutos da provincia de Pontevedra. Así, o Centro de Investigacións Biomédicas acollerá a estudantes do IES Illa de Tambo que poderán realizar obradoiros sobre moléculas, síntese de nanopartículas en disolución, as propiedades dos materiais na escala dos nanómetros, a resposta inmunitaria ou os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación tamén se uniu a esta celebración e programou, para as alumnas do IES Antón Alonso Ríos, un obradoiro de Lego Robotics, un taller de programación con Scratch ou introducións á programación web e ao seu funcionamento. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibirá ás rapazas do IES do Castro. Nos seus laboratorios poderán participar na xincana Science Games: Catching Fire, no concurso grupal The Wall ou en talleres de física e astrofísica, de materiais ou de minerais. Finalmente, ‘Elas fan Cientec’ complétase coas propostas da Escola de Enxeñaría Industrial para o IES Valadares, con obradoiros de termografía infravermella, deseño e prototipado e espazo de exposición Open Lab.

CHARLAS NOS COLEXIOS E INSTITUTOS E UN DEBATE INTERXENERACIONAL
A estas actividades prácticas de ‘Elas Fan Cientec’ súmanse tamén unha serie de conferencias e relatorios que, ao longo do mes de febreiro, impartirán científicas e enxeñeiras da Universidade de Vigo en colexios e institutos de toda Galicia. En total, participarán nesta iniciativa 37 investigadoras e dous investigadores e 35 centros educativos, conformando un programa de 65 charlas presenciais e virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.

A programación do 11F en Vigo complétase cunha proposta innovadora que ten como finalidade poñer en contacto investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres na ciencia. O debate terá lugar o mércores 9 de febreiro ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, e será de acceso libre ata completar a capacidade da sala. Nesta charla participarán Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic. Moderará o debate Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.

NO CAMPUS DE OURENSE, A FEIRA DIVULGATIVA ‘eXXperimenta en Feminino’
O campus de Ourense tamén se une á celebración do 11F, e faino retomando a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Escola Universitaria de Enfermaría, a cita, aberta á asistencia libre de centros educativos e familias da provincia, celebrarase o propio día na céntrica rúa do Paseo. O obxectivo é proporcionar ao alumnado a posibilidade de participar na realización de experimentos científicos e tecnolóxicos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense.

CARETAS PARA 300 COLEXIOS DO SUR DE GALICIA
Coincidinco coa celebración desta data, dende a Unidade de Igualdade tamén quixeron traballar cos colexios da contorna para tratar de facer fronte aos estereotipos de xénero. Para isto, decidiron enviar a arredor de 300 colexios do sur de Galicia a colección de caretas, ilustradas por Marta Riera, ex-profesora da Facultade de Belas Artes, coas que a Unidade pretende dar visibilidade a mulleres destacadas no mundo da ciencia e a enxeñaría. “Tratamos de chegar a nenos e nenas de curta idade, porque é precisamente arredor dos 6 anos cando se constrúen os estereopitos”, explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade. A idea é que nos centros educativos poidan empregar estas caretas tanto para coñecer o traballo desenvolto por mulleres, en moitos casos descoñecidas para os cativos e cativas, e para que tamén vexan a estas mulleres como referentes en eidos moi masculinizados.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...