Licitan a redacción dos proxectos para construír 79 novas vivendas sociais no barrio de Navia

A delegada da Xunta en Vigo, Fernández-Tapias lamentou o "nulo interese" do Concello de Vigo en materia de vivenda de promoción pública e os seus "bloqueos constantes" ao proxecto da Xunta.

Marta Fernández-Tapias en Navia.. XUNTA

A Xunta de Galicia anunciou este mércores a licitación por 620.000 euros da redacción dos proxectos para construír 79 novas vivendas de promoción pública no barrio vigués de San Paio de Navia.

Segundo anunciou a delegada territorial do Goberno galego na cidade, Marta Fernández-Tapias, acompañada do director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García, esta licitación é “un paso máis” na construción das 1.600 vivendas que se prevén para Navia.

Neste sentido, Fernández-Tapias lamentou o “nulo interese” do Concello de Vigo en materia de vivenda de promoción pública e os seus “bloqueos constantes” ao proxecto da Xunta.

Tal como recolle o Executivo galego nun comunicado, esta situación provocou que non se esperase pola aprobación do proxecto de urbanización por parte do goberno municipal co fin de avanzar no desenvolvemento deste primeiro ámbito con 733 vivendas previstas en total.

Unha vez finalizada a adquisición do chan para a ampliación, a Xunta licitará en febreiro, por un orzamento de 11 millóns de euros, as obras de urbanización do primeiro do tres polígonos nos que se divide a ampliación de Navia.

Neste aspecto, Fernández-Tapias volveu cargar contra o Concello ao lembrar que o proxecto deste polígono foi remitido en abril do ano pasado e na actualidade xa se cumpriron todos os requisitos esixidos.

“Esperamos xa moito tempo a que o Concello reaccione e é imperante facilitar aos veciños de Vigo acceso a unha vivenda en condicións, a prezos alcanzables e coas mellores calidades”, reivindicou.

Segundo ela, o “non” do alcalde, Abel Caballero, “é un non á vivenda de promoción pública, un non ao barrio de Navia e un non a un investimento previsto de 250 millóns de euros en colaboración público-privada“.