InicioEconomíaVigo quere consolidarse como destino turístico de cruceiros

Vigo quere consolidarse como destino turístico de cruceiros

O Porto de Vigo espera recibir ao redor de 90 escalas de cruceiros de grandes dimensións neste 2022.

PUBLICADO O

O Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo acolleu este xoves a primeira reunión do Comité de Turismo de Cruceiros, un foro de recente creación que agrupa os principais actores que interveñen neste tráfico e que se reunirá de forma periódica para crear un paquete turístico atractivo co obxectivo de aumentar o número de barcos e visitantes que chegan á cidade.

Segundo explicou o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, trátase dun grupo de traballo cuxo obxectivo principal é o de promocionar porto e destino, o que, ao seu xuízo, redundará positivamente no fortalecemento do sector, “un dos máis castigados durante a pandemia”.  O obxectivo é ofrecer unha imaxe integradora do porto e destino e poder influír na programación de escalas dos próximos anos, tal como recolle o Porto nun comunicado.

O acto estivo presidido por Vázquez Almuiña e tamén acudiron, entre outros, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias; a responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro; representantes do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra ou do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Ademais de analizar a situación actual do sector, expuxéronse diversas accións a levar a cabo para promocionar de forma conxunta porto e destino, entre as que se atopan a promoción, tanto estatal como internacional, do ‘destino Galicia’, a creación dun punto de información turístico na zona portuaria ou a posibilidade de ofrecer un cartón con descontos ás persoas cruceiristas.

Por todo iso, o comité reunirase de forma periódica para traballar na creación dun paquete turístico atractivo. Así, volverase a reunir o mes que vén e a partir de aí cada dous ou tres meses. “Estamos a traballar coa vista posta no próximo ano, porque queremos que sexa mellor que este”, indicou Vázquez Almuiña.

90 ESCALAS EN 2022

En canto ás previsións para 2022, o Porto de Vigo espera recibir ao redor de 90 escalas de cruceiros de grandes dimensións. De manterse esta cifra, sería “a mellor da última década”, xa que desde as 103 rexistradas en 2012, ningún ano superáronse as 83. Todo iso sempre que a evolución da pandemia o permita. No que respecta ao número de pasaxeiros, podería alcanzar uns 175.000 cruceiristas, tendo que remontarse ao 2015 para atopar datos superiores.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...