Detido un home en Vigo ao pasear cunha muller á que tiña prohibido achegarse

A muller asegurou que se atopara con el voluntariamente.

Coche da Policía Local

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home, P.C.S., natural de Ribadavia e de 44 anos de idade, como presunto autor dun delito de quebrantamento de condena, tras saltar unha orde de afastamento ditada polo Xulgado de Violencia contra a Muller da cidade.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na tarde do día de Ano Novo, cando unha patrulla de Seguridade Cidadá observou a unha parella camiñando collida da man pola Praza de Compostela. Ao decatarse da presenza policial, a parella comezou a mostrar unha actitude sospeitosa e esquiva, polo que os axentes procederon á súa identificación.

Así, ao comprobar telematicamente os seus datos, os policías constataron que o home ten en vigor unha orde de afastamento con respecto á muller que o acompañaba, ditada polo Xulgado de Violencia contra a Muller. A suposta vítima confirmou que coñecía dita orde e que se atopaba voluntariamente co home desde esa mañá. Pola súa banda, o home sinalou aos axentes que se citou con ela para entregarlle unhas pezas de roupa. Con todo, e dado que a orde xudicial está en vigor, o home foi detido por quebrantamento de condena.

Por outra banda, a Policía Local de Vigo tamén informou da detención de N.E.B.H., de 21 anos de idade e natural de Venezuela, sobre o que pesaba unha orde de arresto emitida polo xulgado do Penal 3 de Vigo. O mozo foi localizado e detido na rúa Coruña da cidade olívica na tarde deste domingo.