InicioEconomíaAcordo da Xunta e 12 municipios para manter o plan de transporte

Acordo da Xunta e 12 municipios para manter o plan de transporte

O alcalde mantén o rexeitamento á adhesión de Vigo ao defender que o Goberno galego "ten que pagar ao 100%" o custo da medida.

PUBLICADO O

A Xunta e 12 municipios da área de Vigo, que non inclúen á cidade olívica, acordaron este luns destinar case 2,7 millóns de euros a manter activo o plan de transporte na zona durante dous anos máis.

Tras un encontro mantido con representantes municipais en Vigo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, lembrou a posta en marcha desta acción con estes municipios, que tivo lugar fai sete anos e que celebrou como “un éxito”. De feito, explicou que desde a posta en marcha do plan se bonificaron case 17,5 millóns de viaxes en autobús e barco a usuarios do cartón de transporte e estimou en que este ano se alcanzarán 2 millóns de viaxes apoiadas.

En concreto, a renovación do acordo permite que a Xunta asuma case o 90% do investimento, financiando o 80% dos descontos e a totalidade dos transbordos e as bonificacións por recurrencia e para familias numerosas. Mentres, a parte restante será custeada polos 12 municipios da área adheridos, Baiona, Cangas, Fornelos de Montes,Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior.

Así, puxo en valor o esforzo destes municipios asinantes, que achegarán 238.000 euros de forma conxunta para complementar os 2,4 millóns de euros que achegará a Xunta, e insistiu en que esta medida resulta fundamental para consolidar unha mobilidade máis limpa e sustentable.

Preguntada polo feito de que Vigo non se incorpore a este acordo, a titular de Infraestruturas asegurou que “está en man” do alcalde, Abel Caballero, que a cidade “teña un transporte público de primeira” e forme parte dun “plan polo que apostan todos os municipios galegos menos un”, polo que “está incompleto”.

CRÍTICAS DO ALCALDE

Pola súa banda, o alcalde de Vigo asegurou que “o transporte metropolitano é da Xunta”, polo que “o ten que pagar ao 100%”. “Téñeno que pagar eles porque é un proxecto acordado unilateralmente por eles”, insistiu o rexedor, que remarcou que o Concello “xa paga o transporte urbano de Vigo”, ao que destina 13,5 millóns de euros. “Era o que nos faltaba. Pagar o noso e pagar o da Xunta. Teñen caradura política“, reprobou Abel Caballero nunha rolda de prensa.

Precisamente, lembrou que en xaneiro o custo do transporte urbano se incrementará en 5 céntimos e o Concello abonará 915.000 euros para evitar que esa subida repercuta nos usuarios con acceso gratuíto ou cartóns de desconto. Ademais, criticou que “a conselleira diga que a área metropolitana non se aprobou porque non se está no plan de transporte metropolitano”, que “non existe como tal”. “Isto que fan é un convenio para quitar diñeiro aos concellos”, denunciou.

ÚLTIMAS

O TSXG confirma a condena a comuneiros de Cabral, que deben reverter as obras dun parking en Peinador

OO Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o fallo do Xulgado do Contencioso-Administrativo número...

O BNG de Vigo denuncia a falta de auga potable no IES de Beade, e goberno local e Xunta cúlpanse mutuamente

O grupo municipal do BNG en Vigo denunciou este luns que o IES de...

A Deputación envía ao Concello o convenio para a bancada de Gol, que podería asinarse “esta semana”

A Deputación de Pontevedra enviou este luns ao Concello de Vigo o convenio para a reforma da bancada de...

A taxa de criminalidade increméntase no primeiro trimestre un 5,3% en Vigo

A taxa de criminalidade creceu un 16,4% no primeiro trimestre deste ano na cidade...