InicioVigo e contornaVigoA oposición de Vigo pide explicacións a Caballero sobre o "enchufe" da...

A oposición de Vigo pide explicacións a Caballero sobre o “enchufe” da cuñada de Carmela Silva

BNG, Marea e PP veñen de solicitar un pleno extraordinario para pedir explicacións ao rexedor.

PUBLICADO O

Os tres partidos da oposición no Concello de Vigo solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para reclamar explicacións ao alcalde, Abel Caballero, e á tenente de alcalde (e presidenta da Deputación de Pontevedra), Carmela Silva, tras a sentenza que condena a un alto funcionario municipal por ‘enchufar’ a unha cuñada de Silva nunha concesionaria.

Así, salvo sorpresas de última hora, PP, Marea e BNG asinarán a solicitude dese pleno (o regulamento obriga a un mínimo de 7 firmas, que é o número de concelleiros que suman os partidos da oposición) e someterán a votación unha proposta de acordo con cinco puntos.

Os grupos da oposición pedirán que o pleno exprese o seu rexeitamento ás prácticas “corruptas” e o “enchufismo”; a reprobación de Carmela Silva e do alcalde, Abel Caballero; e a constitución dunha comisión especial de investigación para coñecer por que un alto funcionario promoveu a contratación dunha familiar directa da primeira tenente de alcalde, ou por que o Concello non se personó no proceso xudicial a pesar de que se malversaron 108.000 euros de diñeiro público.

Así o trasladou en rolda de prensa o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que apuntou que a proposta que irá a pleno tamén contempla a creación dunha Oficina Municipal Anticorrupción “con todos os medios necesarios” e “autonomía funcional”; e a petición de que se constitúa a Comisión Informativa de Vixilancia da Contratación do Concello.

“O MAIOR CASO DE CORRUPCIÓN DA HISTORIA DO CONCELLO”

O edil nacionalista sinalou que a sentenza do Tribunal Supremo, que confirma a condena de máis de 5 anos de cárcere ao funcionario implicado, supón “o maior caso de corrupción da historia do Concello de Vigo”, no que máis de 100.000 euros de diñeiro público foron a parar “ao peto” dunha familiar directa de Carmela Silva “por non prestar nin un minuto de servizo”.

Pérez Igrexas criticou duramente o “silencio e a oportuna afonía” tras os que se “esconderon” a propia Carmela Silva e o rexedor da cidade, e advertiu de que esa actitude, “sen dar nin unha explicación”, “é intolerable e incompatible coa ejemplaridad ética que se debe esixir aos representantes públicos”.

En todo caso, matizou que o BNG se sumou á petición do pleno extraordinario porque a súa firma é necesaria, e farao para que o ocorrido “non quede impune politicamente”, pero “cunha pinza no nariz” porque o PP, ao que acusou de “oportunista”, “non está en condicións de abanderar nin liderar niguna loita pola decencia e a honradez”.

Na mesma liña, Marea de Vigo sinalou que o pleno extraordinario debe servir para que se dean explicacións e se tomen medidas, e rexeitou entrar “no xogo do PP”, que quere promover o pleno para pedir a dimisión de Silva. En relación á sentenza do Supremo, este grupo sinalou sempre que é un reflexo das consecuencias derivadas do sistema de nomeamento de xefaturas de servizo, altos funcionarios cuxas decisións están condicionadas polos políticos que os nomearon.

Mentres o PP, a nivel municipal e a nivel provincial, iniciou unha campaña de denuncia por ese ‘enchufe’, reclamando explicacións ao alcalde de Vigo e á presidenta da Deputación (tamén pediron un pleno extraordinario no organismo provincial), da que esixen a súa dimisión.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...