InicioSociedadeOs buses de Vigo apostan polos xoguetes igualitarios e non sexistas

Os buses de Vigo apostan polos xoguetes igualitarios e non sexistas

Volve un ano máis a campaña da Deputación de Pontevedra contra os estereotipos de xénero no ocio das crianzas.

PUBLICADO O

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha un ano máis a súa campaña en favor dos xoguetes igualitarios e non sexistas, cuxa imaxe xa pode verse nalgúns dos autobuses urbanos de Vigo.

A campaña foi presentada este xoves pola presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, e polo alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, nun acto no que se deu a coñecer ao personaxe principal desta iniciativa, ‘Talento’. Trátase dun personaxe que os nenos e nenas poden construír “máis aló do seu xénero”.

Segundo incidiu Silva, non se pode “caer” en regalar á cativada xoguetes “que marcan estereotipos” porque os xogos deben estar pensados para “imaxinar, gozar e ser felices”, en lugar de “non permitir aos nenos e nenas ser libres, creativos”. A imaxe de ‘Talento’ pode verse na parte traseira e nos laterais dos autocares das liñas H, que conectan co Hospital Álvaro Cunqueiro, e na L17. Ademais, 125 autobuses proxectarán nas súas pantallas interiores un vídeo da campaña, na que se ve a crianzas “xogando xuntas e xuntos”.

Carmela Silva puxo en valor este tipo de iniciativas para “cambiar a conciencia do conxunto da cidadanía”, especialmente nestas datas de agasallos do Nadal, aínda que avanzou que a campaña “vai estar todo o ano”. Precisamente, no marco desta acción de sensibilización, celebrarase un concurso coa participación de 216 centros educativos de primaria da provincia.

No certame, os nenos e nenas deberán crear a ‘Talento’ a partir dunhas cartolinas recortables. O premio para o gañador ou gañadora será poder facer un conto “cunha escritora e unha ilustradora recoñecidas”; e tamén haberá premios para o centro educativo, e dous accésit.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, agradeceu a campaña da Deputación nos buses urbanos, e destacou o papel da presidenta da institución provincial como “referente en toda España nos procesos de igualdade“. “A revolución da Igualdade pospúxose de forma inxusta, pero agora xa é imparable”, sentenciou.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...