Un alto funcionario do Concello de Vigo, ao cárcere por ‘enchufar’ a cuñada de Silva

O Tribunal Supremo destaca que "ideou o plan que levaría ao desprazamento de diñeiro municipal" a favor da traballadora.

Francisco Javier Gutiérrez Orúe / EFE

A Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS) confirmou a condena a 5 anos e tres meses de cárcere ao que fora alto funcionario do Concello de Vigo Francisco Javier G.O por promover a adxudicación irregular de varios contratos menores a unha concesionaria municipal, coa finalidade de pagarlle un salario a unha cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Nunha sentenza firme, o tribunal ratificou a resolución da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou o funcionario por un delito continuado prevaricación, en concurso medial cos delitos de malversación de caudais públicos e falsidade documental. Do mesmo xeito, confirmou a condena a este funcionario, ao que se aplicou a atenuante de dilacións indebidas, a unha pena de inhabilitación absoluta por nove anos.

Deste xeito, o Supremo desestimou os recursos presentados por Francisco Javier G.O. e a concesionaria municipal Imesapi SA. Mentres, estimou parcialmente un recurso presentado polo administrador da entidade, Ramón C.A., e, así, deixou sen efecto a imposición das costas da Asociación Xuntos por Galicia, personada como acusación popular, ao considerar que a actuación desta última “non foi especialmente relevante”.

A sentenza tamén ratificou a condena a Ramón C.A. a un ano e medio de cárcere e inhabilitación absoluta por dous anos e medio como cooperador necesario dun delito de falsidade de documento mercantil, en concurso medial cun delito continuado de malversación de caudais públicos, concorrendo as atenuantes de dilacións indebidas e analóxica de colaboración.

Así mesmo, confirmouse a condena a ambos os procesados a indemnizar conxunta e solidariamente ao Concello de Vigo en case 108.150 euros, máis os intereses procesuais.

FEITOS PROBADOS

A Sala relatou os feitos probados recollidos na sentenza recorrida, que detallou que Francisco Javier G.O., que ostentaba a función de xefe de Participación e Atención Cidadá no Concello, “veu participar nun plan que tiña para a súa contratación, dunha forma oculta, e á marxe dos sistemas legais de oferta pública de emprego” a unha cuñada de Silva para “beneficiala economicamente”. En conceto, a Audiencia viu probado que se adxudicaron enquisas á concesionaria para pagar a nómina desa traballadora.

Para iso, relatou que este funcionario “veu contar coa colaboración” do xerente de Imesapi e “a cobertura que supuña a entidade”. Así, sinalou que esta empresa “mantiña relacións habituais co Concello”, o que “ía permitir que non se puxesen trabas ás reclamacións económicas que por esta se podían facer”.

DECISIÓNS “INXUSTAS E ARBITRARIAS”

O TS afirmou que “as decisións adoptadas foron inxustas e arbitrarias” porque mediante elas “se beneficiou economicamente” á cuñada de Silva, “determinando o abono á conta de fondos do Concello dunha retribución mensual ao seu favor por uns traballos que non realizou”. Para iso, destacou que “se tramitaron nove expedientes administrativos relativos aos nove contratos menores que se celebraron con Imesapi”.

Ademais, concluíu que o funcionario “era consciente dos defectos insubsanables cos que contaban as decisións a través das cales levou a efecto a contratación” da cuñada de Silva, que se realizou “de forma oculta e á marxe dos sistemas legais de oferta pública de emprego”. Tamén lembrou que “se fraccionaron os servizos contratados con Imesapi en nove contratos menores a fin de evitar as formalidades e controis legais”.

O Supremo considerou que “non é apreciable indefensión ningunha como consecuencia da achega da documental”. Do mesmo xeito, ratificou que os feitos xulgados supoñen un “delito continuado” porque, aínda que “se trataba dun único plan”, este “levouse a cabo a través de accións homoxéneas plurais e prolongadas no tempo” entre 2008 e 2013 e “en todas elas infrinxiron idénticos preceptos penais”.